Friday 18 de July de 2025

O Concello celebra o Día Mundial do Medio Ambiente con actividades para todas as idades na Sagrada Familia


O sábado día 7 de xuño o barrio acollerá unha xornada veciñal de participación e sensibilización ambiental

As actividades de educación ambiental na rúa coas que o Concello celebra tradicionalmente o Día do Medio Ambiente celebraranse este ano no barrio da Sagrada Familia. Aínda que o día oficial é o 5 de xuño, as actividades están programadas para o sábado día 7, desde as 11.00 horas, na praza de San Rosendo e na pista polideportiva do barrio. Ademais de actividades lúdicas e educativas sobre distintos aspectos como a separación de residuos, a redución dos plásticos ou o coidado da contorna natural e urbana está prevista a instalación de paneis expositivos e un mercado veciñal de economía circular.
“Vai ser a primeira experiencia de levar este tipo de actividades aos barrios e desde o Goberno de Inés Rey eliximos a Sagrada Familia porque forma parte do proxecto Urbact COPE, un programa europeo que ten como obxectivo potenciar a participación da cidadanía no desenvolvemento das políticas verdes a través dun enfoque local”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira.

Ademais, este barrio vai experimentar unha importante transformación grazas ao proxecto de humanización da rúa Sagrada Familia, xa iniciado, co que o Goberno de Inés Rey lle dá continuidade ao plan de ampliación da rolda peonil.

As actividades comezarán ás 11.00 horas da mañá coa apertura do mercado veciñal de economía circular que estará situado na praza de San Rosendo. “É unha oportunidade para que os veciños e veciñas participen vendendo e intercambiando roupa, libros, accesorios, utensilios do fogar e decoración ou calquera obxecto en bo estado para favorecer o consumo responsable, a recuperación e a reciclaxe”, sinala Yoya Neira. A participación é gratuíta e toda a información para inscribirse está na web do Concello.

Ao tempo, na pista polideportiva haberá actividades lúdicas de sensibilización ambiental para todas as idades, paneis expositivos con información medioambiental e o valo do polideportivo converterase nun mar con mensaxes para concienciar sobre a protección do litoral e a redución dos plásticos, lema desta edición do Día Mundial do Medio Ambiente.
Tamén na pista polideportiva se desenvolverá un encontro do Grupo Local URBACT (ULG), do proxecto URBACT COPE, no que participan todas as entidades do barrio para abordar o

Plan de acción integrado para o barrio e fortalecer os lazos de colaboración para conseguir obxectivos que este plan estratéxico busca. Este encontro terá lugar entre as 11.00 e as 13.00 horas.