Friday 22 de November de 2024

A Xunta salienta que a mocidade de hoxe será a primeira beneficiaria da protección do medio ambiente e da consolidación dun modo de vida máis respectuoso coa contorna


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinaron un convenio que servirá de base para os novos proxectos en materia de educación medio ambiental

A Xunta de Galicia destaca que os mozos e mozas galegas de hoxe serán os primeiros beneficiarios da protección do medio ambiente e da consolidación dun modo de vida máis respectuoso coa contorna na que viven. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o conselleiro de Cultura e Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que servirá de base para os novos proxectos en materia de educación medio ambiental.

A conselleira salientou as oportunidades que brinda afondar nas posibilidades de cooperación para introducir o coñecemento e protección do medio ambiente ao ámbito educativo, e viceversa, xa que representa un piar básico para a súa protección e posta en valor. Ambos conselleiros coincidiron en que é fundamental que a mocidade galega sinta que forman parte dunha realidade da que todos dependemos e que cómpre coidar cada día.

Nese sentido, salientou que xa se avanzaron pasos coa posta en marcha de varios programas dentro do Plan Proxecta, nos que participan máis de 190 centros educativos e case 11.000 alumnos. Os máis veteranos son Paisaxe e Sustentabilidade e MeteoEscolas, que levan en marcha desde o ano 2012, e co que se busca promover a investigación na escola mediante a observación directa do tempo e a meteoroloxía; aos que hai que sumar os programas Proxecto Ríos, impulsado por Augas de Galicia en colaboración con Adega; o Proxecto Terra, da Secretaría Xeral de Urbanismo e coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos; e por último, Recíclate con Sogama, no que participan máis de 1.000 alumnos de 14 centros.

Co programa Paisaxe e Sustentabilidade quérese facilitar aos alumnos coñecemento sobre as paisaxes de Galicia, as súas características e a importancia que teñen nas nosas vidas ou como con pequenas accións podemos contribuír a mellorar a paisaxe. Esta iniciativa foi a base para a implantación no actual curso académico da materia, como mesmo nome, de libre elección para Secundaria e Bacharelato, “un paso fundamental na divulgación da relevancia da paisaxe”, matizou a conselleira.

Galicia, comunidade pioneira
De feito, e tal e como puntualizou Román Rodríguez, Galicia é a única comunidade autónoma que imparte unha materia destas características, que actualmente conta con preto de 700 alumnas e alumnos matriculados.

Neste contexto, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia remarcou o valor da escola non só como transmisora de coñecemento, senón tamén á hora de formar en valores, como neste caso son o coñecemento, o respecto e o coidado do medio natural. Segundo sinalou, “desde o noso departamento estamos sempre abertos a aqueles programas que sensibilicen ao alumnado e que nos fagan mellores como sociedade”.

Programa Naturézate
Así para este curso, súmanse dous novos programas Protexe os animais e Naturézate. No primeiro, participan 16 centros e case 1.500 alumnos, e ten por obxectivo asentar valores sobre a responsabilidade que supón ter mascotas e poñer en alerta condutas nocivas como o abandono ou o maltrato animal.

A conselleira de Medio Ambiente destacou a iniciativa desenvolvida no CEIP de Laredo, dentro de Naturézate, que busca mellorar o coñecemento sobre o medio natural, incrementar a sensibilización ambiental e iniciar ao alumnado no concepto de desenvolvemento sostible; e que ten iniciativas tan interesantes como o apadriñamento dun río galego por parte de cada unha das aulas do centro. “O traballo e os resultados de Naturézate son unha gran motivación para a Xunta a seguir esforzándose e apostando por este tipo de iniciativas”, declarou a conselleira.

Ambos conselleiros destacaron que a protección e a conservación do medio ambiente, a paisaxe e a biodiversidade é unha prioridade para a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio,en particular, e para o Goberno galego, en xeral; pero para acadar ese obxectivo é imprescindible conseguir a máxima sensibilización ambiental de todos.

Por último, Beatriz Mato sinalou que son as administracións públicas as que deben promover políticas medio ambientais eficaces e eficientes, pero neste proceso hai que contar co compromiso da sociedade, das empresas e dos axentes sociais, en definitiva, co apoio de cada galego e galega.