
· A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, puxo en valor a mestría de Óscar Reboiras para escribir “con sensibilidade e sinxeleza” temas difíciles de abordar cos máis pequenos, como a diversidade, o amor ou a redención.
Tras un mes de intensa actividade, o Concello despediu, esta mañá, o seu Maio das Letras. Fíxoo coa presentación de Cando o mundo é azul, co que o rianxeiro Óscar Reboiras conquistou o VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. A Biblioteca Victoriano García Martí foi o escenario do acto, no que estiveron presentes a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, o escritor e xornalista, Óscar Reboiras, o director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro, a presidenta da Asociación Cultural Barbantia, Chus Blanco, e un amplo número de alumnos e alumnas de primaria dos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra.
Durante a súa intervención, a edil de Cultura aproveitou a ocasión para felicitar ao escritor polo seu traballo, no que foi quen de abordar “con sensibilidade e cunha linguaxe sinxela” temas como a diversidade, o amor ou mesmo a redención. Trátase, tal e como explicou Patricia Lojo, de cuestións que poden ser difíciles de falar cos máis pequenos e pequenas e “cuxo tratamento se facilita a través de libros como o que hoxe presentamos”. Como parte desta actividade do Maio das Letras, o Concello agasallou aos rapaces e rapazas dos centros de ensinanza con exemplares de Cando o mundo é azul.
Un certame de referencia
Con sete edicións de historia, o Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, organizado polo Concello, a editorial Galaxia e Barbantia, consolídase xa como un dos “certames de literatura infantil de referencia”, incidiu Patricia Lojo. Unha afirmación que a concelleira sustentou con base nas cifras de participación da convocatoria de 2024, á que se presentaron unha trintena de propostas literarias.
A diversidade, o amor, a interxeracionalidade e a redención son algúns dos temas recorrentes ao longo das páxinas de Cando o mundo é azul. Porén, a sinxeleza empregada polo rianxeiro convértena en apta para un abano moi amplo do público infantil. A historia estrutúrase arredor das relacións familiares centrándose na historia de como unha nai e o seu fillo recuperan a figura dun avó ausente.
Óscar Reboiras súmase ao listado de autores e autoras que xa gañaron o certame da Pobra. Entre eles, Patricia Mallo, Xosé Antonio Neira Cruz, María Canosa e José Luis Baños. Como premio, obtivo un galardón de 3.000 euros e a publicación do seu traballo na colección Árbore Galaxia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.