Monday 21 de July de 2025

Adxudicados os novos contratos do servizo de roza e tamén o de telefonía fixa, móbil e rede de datos


O Concello concorrerá á convocatoria de axudas de Agader para cofinanciar o desenvolvemento dunha nova aplicación informática de inscrición en actividades.

O Concello vén de adxudicar na Xunta de Goberno Local dous contratos de servizos municipais.
Por unha parte, o servizo de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal. O contrato fora dividido en cinco lotes e a condición de que cada licitante só podería resultar adxudicataria dun deles co propósito de axilizar a execución das actuacións.

O obxectivo desta campaña é eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede viaria.

En total destinaranse 125.000 euros para realizar esas actuacións en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de parcelas e terreos municipais que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes. Unha vez formalizados os contratos, as intervencións na rede viaria comezarán a executarse nos próximos días.

E tamén foi adxudicado a Vodafone España S.A.U. o contrato dos servizos de telefonía fixa, móbil e a rede de datos que darán soporte ás comunicacións municipais durante os próximos dous anos. O Concello licitara por 42.000 euros este contrato co propósito de modernizar e optimizar as telecomunicacións para avanzar cara un servizo máis eficiente, seguro e adaptado ás necesidades tecnolóxicas da administración local que favoreza tanto o labor interno dos empregados municipais como a atención ao cidadán.

Ademais, na Xunta de Goberno Local acordouse que o Concello concorra á convocatoria de subvencións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) -ao abeiro da Intervención Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC)- para o cofinanciamento do proxecto de desenvolvemento dunha nova aplicación informática para a inscrición nos servizos e actividades culturais e deportivas municipais.