Sunday 01 de June de 2025

O Concello aposta por unha mobilidade peonil máis segura e accesible co novo sendeiro da Alta


· De maneira recente concluíuse unha actuación que supuxo a eliminación da antiga pasarela de madeira e a súa substitución por un sendeiro de zahorra

O Concello finalizou, de maneira recente, as obras de mellora no paseo que conecta a praia de Cabío co lateral do estadio da Alta, unha intervención enfocada na recuperación da contorna natural e a mellora da seguridade peonil.

A actuación supuxo a eliminación da antiga pasarela de madeira, que presentaba un estado de deterioro avanzado, e a súa substitución por un sendeiro de zahorra. Os traballos incluíron, así pois, a demolición e retirada do paseo existente entre a zona dos asadores ata o primeiro miradoiro. Posteriormente, levouse a cabo a actuación do trazado e formación do novo paseo con medios mecánicos.

O proxecto, que contou cun investimento de 16.680 euros, permitiu, ademais, reutilizar parte das táboas que se mantiñan en bo estado para reparar outros tramos do paseo que se atopaban en malas condicións.

Con esta intervención, “creamos un espazo máis seguro e accesible para o uso diario da veciñanza e dos visitantes”, aseguran desde o Concello.

Deja un comentario