Sunday 01 de June de 2025

Luz verde á nova ordenanza de mobilidade sostible, que unificará a normativa municipal e acoutará os espazos de paso de bicicletas e VMP motorizados


A alcaldesa, Inés Rey, subliñou a necesidade de actualizar o marco regulador vixente para “unificalo e facelo máis moderno de cara ao futuro”, coa cidade inmersa na construción da intermodal e a apertura da fachada marítima

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da aprobación do proxecto da nova ordenanza de mobilidade sostible, que permitirá refundir a normativa municipal existente “e rematar coa súa dispersión previa para dotar a cidade dun marco regulador unificado e moderno de cara ao futuro, que evite confusións”.

O texto da nova ordenanza, que recibiu hoxe luz verde da Xunta de Goberno Local antes de que se leve ao Pleno, suporía a derrogación de normas individuais que, nalgúns casos, se remontan ao ano 2000, hai case un cuarto de século.
“O lóxico é que todas estean adaptadas á actualidade e á realidade local da Coruña como cidade, sen que unha ordenanza entre en contradición con outras”, razoou Rey, que apuntou á importancia desta medida nun contexto no que a cidade está a vivir unha transformación en materia de infraestruturas e mobilidade: coa construción da intermodal, a apertura progresiva da fachada marítima e a deslocalización da actividade portuaria cara a Punta Langosteira, o estudo do futuro servizo de transporte urbano, o incremento das superficies peonís e tamén da rede ciclable, que conta actualmente con 53 quilómetros de percorrido —o dobre que fai cinco anos—.

A ordenanza dálles prioridade ás persoas viandantes e aposta pola convivencia

Na rolda de prensa desta mañá, a alcaldesa precisou que, dentro da liberdade de elección nosmodos de desprazamento, “créase unha xerarquía de prioridade no uso dos espazos públicos”. Primeiro, os desprazamentos a pé e, xa por debaixo na pirámide de xerarquía, a mobilidade branda, como as bicicletas ou os VMP. E despois, o transporte público urbano e os vehículos motorizados privados.

“Esta concepción da ordenanza dáse, en primeiro lugar, polo compromiso coa sustentabilidade e o cumprimento da normativa europea. E, por outro lado, porque a xeografía e a peculiar configuración urbana da Coruña esixe unha convivencia entre as diversas formas de mobilidade.

É dicir, as persoas viandantes son a prioridade, mais non se restrinxe a ninguén”, explicou.

Os carrís bici, beirarrúas bici e a calzada, espazos de paso para bicis e VMP

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, abundou esta mañá nas novidades máis destacadas desta nova ordenanza, que determina a obrigatoriedade do uso de casco de protección para as persoas menores de 16 anos que vaian en bicicleta. Ademais, non se poderá circular en bicicleta ou VMP usando auriculares. “Esta é unha norma xeral de tráfico máis que agora plasmamos tamén na ordenanza, como con outras normas, para contribuír tamén á súa difusión e á concienciación das persoas condutoras”, dixo Díaz.

As bicicletas usarán o carril bici ou beirarrúa-bici. Senón, irán pola calzada. “O que non poderán facer é circular por beirarrúas e vías peonís, por seguridade peonil, agás as persoas menores de 12 anos a quen acompañe unha persoa adulta a pé”, precisou a concelleira.

16 anos, a idade mínima para circular en VMP

Tamén no referente á mobilidade branda, Díaz apuntou outra das cuestións novidosas da normativa: a idade mínima para conducir un VMP será de 16 anos, e o casco será obrigatorio para todas as persoas condutoras de VMP. Ao igual que coas bicicletas, poderase circular por carril bici ou beirarrúa-bici. Senón, irase pola calzada. Non se poderá circular por beirarrúas e vías peonís.

O futuro transporte público deberá apostar por enerxías non contaminantes

Outro dos puntos da ordenanza é a definición do servizo de transporte urbano, que deberá adaptarse ao emprego de enerxías ou combustibles non contaminantes. Ademais, a normativa reforza a aposta pola accesibilidade universal, unha medida que o Goberno de Inés Rey está a impulsar con melloras nas paradas de autobús en todos os barrios. Por exemplo en 16 dársenas repartidas entre distritos como o Castrillón, Labañou, Os Mallos, Monte Alto e Os Rosales.

Incentivos ao uso de vehículos eco para efectuar carga e descarga na ZBE

Outro dos aspectos destacados que determina a ordenanza é que, na distribución de última milla no termo municipal, o Concello poderá adoptar medidas como o establecemento de centros de distribución urbanos para facilitar a última fase de distribución con vehículos lixeiros e menos contaminantes. Ademais, outros espazos de titularidade pública, como mercados, centros cívicos, bibliotecas ou aparcadoiros subterráneos públicos poderán dispor de espazos para actuar como plataforma de distribución de mercadorías do comercio electrónico cedendo espazos para a entrega e recollida.

Ademais, haberá incentivos para os vehículos eco e zero de carga e descarga na Zona de Baixas Emisións (ZBE): o seu horario ampliarase tanto antes como despois do horario convencional, unha hora máis.

A ordenanza recolle as especificidades da ZBE

Por outra banda, a ordenanza establece tamén a normativa da Zona de Baixas Emisións que se implantou no ano 2022 como unha medida piloto na Mariña e a Cidade Vella. Noemí Díaz lembrou que o establecemento das ZBE estipúlao a Lei para os concellos de máis de 50.000 habitantes.
“No caso da Coruña, xa contamos con unha: precisamente a da Mariña e a Cidade Vella, que se estende ao paseo do Parrote e varias rúas da Pescaría, mais a normativa da ordenanza non cambia con respecto ao que xa viñamos facendo. Seguirá sendo unha zona de preferencia peonil, de tráfico restrinxido agás para os vehículos que xa o podían facer: transporte público, taxis, carga e descarga nos seus horarios habilitados, vehículos de emerxencia e tamén os vehículos autorizados. Entre eles, os residentes de Cidade Vella na súa contorna.

O Concello poderá fixar horarios adicionais para residentes na zona ORA

A concelleira tamén precisou as novidades que actualizarían a normativa da zona ORA. Unha delas, que alí onde haxa dificultade de acceso nas prazas para residentes, o Concello poderá establecer horarios adicionais aos xerais (horario nocturno, franxa de 14.00 a 16.00 ou na fin de semana).

Ademais, fíxase a posibilidade de efectuar exencións dunha hora ao día do pago da taxa por estacionar na zona ORA de uso xeral (zona azul) para os vehículos que transporten a persoas titulares da tarxeta para estacionamento en lugares reservados para PMR.

Os cargadores eléctricos, clave

Noemí Díaz tamén indicou que a ordenanza reflicte que os aparcadoiros municipais, tanto os existentes como os que habiliten nun futuro, terán a obriga de ter como mínimo un punto de recarga eléctrica por cada 40 prazas.

Ademais, no referente aos valos, estadas, casetas de obra, reservas de espazos e bandeirolas: regúlanse en detalle estas ocupacións para facilitar a súa convivencia co uso común da cidadanía.

Deja un comentario