Monday 21 de July de 2025

A praza de Ourense e as avenidas do Porto e Linares Rivas, próximos puntos da cidade onde o Concello acometerá a renovación do firme na calzada


Os traballos arrincarán este domingo á noite, co obxectivo de mellorar o pavimento destas vías, “nas que é preciso actuar porque son das que máis tráfico rodado soportan a diario na Coruña”, precisou a concelleira Noemí Díaz

A praza de Ourense, a avenida Linares Rivas e a avenida do Porto serán tres dos puntos nos que o Concello actuará nos vindeiros días para renovar o firme da calzada, unha intervención que dá continuidade ao plan de traballos que o Goberno de Inés Rey está a acometer nas calzadas de titularidade municipal baixo un formato de continuidade.

As actuacións nesta parte da cidade comezarán o domingo á noite, coa previsión de intervir sobre unha superficie de 7.100 metros cadrados de calzada. A meirande parte, na contorna da praza de Ourense e no treito de Linares Rivas en sentido de saída cara a Alfonso Molina.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou a importancia desta medida, que contextualizou apuntando á intensidade do tráfico diario que soporta esta parte da Coruña.
“Por Linares Rivas pasan constantemente moitos dos vehículos que chegan ou saen da cidade. E, no caso da avenida do Porto, segrégase a meirande do que vai cara a Monte Alto, Orillamar e o leste do paseo marítimo, polo que tamén era importante intervir”.

Díaz lembrou que a avenida do Porto foi o percorrido provisional para moitas das liñas de transporte urbano que pasan polos Cantóns. Mentres se pavimentou a Mariña en abril, estas pasaron a transitar pola avenida do Porto, “o que tamén supuxo un tráfico extra para esta zona e, en consecuencia, máis erosión sobre o firme”.

Agora, actuarase para renovalo, cun investimento de máis de 218.000 euros, que se sumarán aos máis de 780.000 euros investidos previamente en melloras en Elviña, as Atochas e Agrela, entre outros enclaves da cidade.

A previsión do Concello, tal e como adiantou hoxe a concelleira, é que proximamente tamén se actúe na rúa Manuel Murguía e na contorna da praza de España e a rúa San Xoán —neste último caso, despois da festividade de San Xoán, precisamente para facilitar as celebracións—.