Solicítalle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a concesión dunha subvención de máis de 36000 € para o mantemento da súa oficina promocional
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes celebrou onte a súa sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo. Nela acordouse por unanimidade solicitarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a correspondente achega económica para o mantemento da Oficina de Cooperativismo. Unha contía que supera os 36.000 € e que irá destinada tanto aos gastos de persoal existente como de cara á realización de actividades promocionais e formativas tanto da fórmula cooperativa como en base á economía social.
A dita orde, publicada no DOG do 24 de febreiro, establece as bases reguladoras para distintas entidades colaboradoras da Rede Eusumo a través dos seguintes programas: Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, Oficinas locais de fomento cooperativo e, por último, Apoio ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marco da Rede Eusumo.
Deste xeito a Mancomunidade de Ordes pretende seguir incentivando a participación dos concellos e doutras entidades locais no labor de promoción e fomento do cooperativismo e da economía social, a través do seu departamento situado nos baixos da Alameda de Ordes. Un plantexamento polo que a Mancomunidade de Ordes leva apostando fortemente ao longo dos últimos catro anos, e en base ó que se levan mantido distintos encontros e xuntanzas de traballo con profesionais e traballadores de distintos sectores, destacando os dedicados á produción agrícola e gandeira na comarca.
Cos cartos acadados manteríase en funcionamento o dito espazo, ademais de destinarse a realizar actividades variadas dentro do seu eido. Neste sentido cabe lembrar a organización da xornada “A fórmula cooperativa nos servizos sociais” ou o obradoiro ‘Emprendemento cooperativo no medio rural: Oportunidades de negocio’, no pasado ano. Ademais disto tamén hai que incluír a presenza de postos promocionais en Expoordes e eventos similares e, por suposto, o asesoramento e orientación a todas aquelas persoas interesadas en emprender algunha actividade baixo a fórmula cooperativista.