Sunday 01 de June de 2025

A presión exercida polo Concello de Oleiros para rematar o paseo da Ría da os seus froitos


O pleno aprobou por unanimidade a proposta do goberno municipal que consiste na cesión dos terreos municipais precisos á beira da ría para que o Ministerio execute e remate o paseo da ría unindo os municipios de Oleiros e Cambre ademais da zona verde do Paraíso.
Desta maneira culmínanse as numerosas xestións e denuncias realizadas polo Goberno Municipal para reclamar a construción dos tramos de paseos inacabados e inconexos que, inicialmente, o Ministerio se negaba a executar; mais que finalmente serán unha realidade próxima.

O pleno do Concello de Oleiros acordou por unanimidade ceder os espazos precisos para a execución polo Ministerio das obras necesarias para finalizar o paseo da ría unindo os Concello de Oleiros e Cambre. Os traballos a realizar consisten en dar continuidade ao paseo marítimo pola marxe dereita da Ría do Burgo unindo os dous municipios: un tramo de 454m de paseo de 3m de ancho e 552m de carril bici.

Por outra banda, e respecto da zona do Paraíso, o Concello de Oleiros comprométese tamén, unha vez rematadas as obras, a facerse cargo do
mantemento da zona referida que representa 653,28 m². A solución proxectada para este caso consiste na demolición e reconstrución da parte superior dos muros existentes ata a cota dos paseos de borde onde se conectarán. Desta forma garantirase a non afección polas mareas nin polos efectos do cambio climático. Sobre o muro de borde de escollera executarase un paseo de 3m de ancho que será conectado coa senda xa existente no borde do noiro.

Deja un comentario