Sunday 01 de June de 2025

A Academia Galega de Teatro debate en Mariñán sobre estratexias cara ao público nunha xornada co apoio da Xunta


O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participou na apertura do encontro, que reúne profesionais de todos os ámbitos sectoriais para reflexionar arredor da relación entre a creación dramática e a súa recepción

A Academia Galega de Teatro inaugurou hoxe co patrocinio da Xunta de Galicia a xornada Teatro e sociedade: na procura dun público posible, que reúne no Pazo de Mariñán directores de escena, autores e responsables de programacións culturais para afondar sobre as distintas estratexias de cara á creación e fidelización de espectadores para a escena.
No acto de apertura do encontro, interveu xunto á presidenta da Academia Galega de Teatro, Imma António, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen cualificou de “estimulante” o tema de debate dun encontro que “encaixa nunha das liñas estratéxicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, como é a de facilitar a dinamización da actividade das asociacións, federacións e colectivos culturais”, explicou.

Tamén se referiu a que as propostas, suxestións e mesmo conclusións que parten deste tipo de foros constitúen unha valiosa información a ter en conta e aplicar nas políticas públicas e que, para o caso concreto do traballo de mediación de públicos polas súas especiais características e condicionantes para unha arte efémera como é a escena, é esixible un compromiso especial por parte de todos os axentes implicados. “Un compromiso que, desde unha óptica do século XXI, ha de pasar necesariamente pola inclusión, pola diversidade e pola accesibilidade a todos os niveis”, especificou.

Esta é a terceira edición das xornadas organizadas pola Academia Galega de Teatro, que se celebrarán ata mañá sábado cunha exposición de conclusións, despois de que ao longo de todo o día de hoxe se desenvolvan relatorios e exercicios prácticos arredor de preguntas sobre a relación cos públicos tanto desde o enfoque do momento da creación escénica como do da súa oferta desde os espazos, festivais ou circuítos de espectáculos. Tamén está prevista unha sesión sobre boas prácticas e medidas necesarias neste eido.

Os directores de teatro Xavier Castiñeira, Xoque Carbajal ou Sara Rey; os autores José Prieto e Vanesa Sotelo; os promotores e distribuidores Guillermo Carbajo e Belén Pichel; os programadores Xosé Paulo Rodríguez, Neves Lema, Sabela Mendoza, Tatiana Likhacheva ou Carlos Lorenzo, ademais do director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, son algúns dos profesionais que achegarán as súas experiencias e coñecementos.

Deja un comentario