Sunday 01 de June de 2025

O Lousame Concilia Verán 2025 abre o prazo de inscricións este luns 2 de xuño


Os concelleiros Esteban Ares e Silvia Agrafojo destacan a decidida aposta do Concello de Lousame polas actividades de conciliación familiar durante todo o ano

 

O tenente de alcaldesa, Esteban Ares García, e a concelleira de Cultura e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, presentaron esta mañá unha nova edición do programa Lousame Concilia Verán 2025, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. “A conciliación é un servizo fundamental e queremos seguir sendo pioneiros na comarca”, apuntou Ares García, quen salientou que en Lousame “temos a sorte de contar cun magnífico equipo de traballadores na área de servizos sociais coordinado por Silvia Agrafojo e que potencian estas actividades. Nós seguiremos apostando pola conciliación e intentaremos seguir mellorando o servizo na medida das nosas posibilidades porque a conciliación é algo que precisan as nosas familias e é tamén a mellor forma de promover a natalidade”.

 

Un punto no que coincidiu Silvia Agrafojo, quen destacou que “o prezo é irrisorio, son 15 euros mensuais porque queremos que todas as familias de Lousame que necesiten deste servizo de conciliación poidan acceder a el. Porque como en Lousame apostamos por unha conciliación real, en breve presentaremos unha nova edición dos Campamentos de Verán e dos talleres en inglés, polo que penso que a pesar de ser un concello rural e pequeno podemos presumir dos servizos de conciliación que temos a disposición dos nosos veciños”.

 

Lousame Concilia Verán 2025 é un programa dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos de idade, que desfrutarán de divertidas actividades nas instalacións do CPI Cernadas de Castro durante os meses de xullo e agosto, en horario de 9:30 a 14:30 horas. Un tempo no que “ademais dos monitores titulados, tamén contaremos co reforzo dos voluntarios e voluntarias de Lousame, aos que agradecemos a súa colaboración”.

 

O prazo de inscrición estará aberto do do 2 ao 6 de xuño. Para anotarse só hai que descargar e cumprimentar o impreso correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web (www.concellodelousame.gal). Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.

 

Baremo de admisión

 

No caso de haber máis demanda que prazas, aplicarase un baremo para a admisión no que as crianzas empadroadas no municipio recibirán 16 puntos e os nenos e nenas menores de 12 anos (na data final do prazo desta convocatoria) recibirán 8 puntos. As familias cunha renda per cápita anual menor a 6.000 euros recibirán 2 puntos, que será 1 punto no caso das familias con rendas entre 6.000 e 10.000 euros.

 

Tamén se outorgará 1 punto ás familias monoparentais, familias vítimas de violencia de xénero, muller en situación de desemprego de longa duración, muller maior de 45 anos ou familia con outras cargas relacionadas cos coidados. En caso de empate, aplicarase o criterio da orde de inscrición, seguindo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal. As solicitudes que non obteñan praza pasarán á lista de espera.

Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade e do Programa Corresponsables do Ministerio de Igualdade.

Deja un comentario