Sunday 01 de June de 2025

O Castelo de Narahío presenta este sábado ao mediodía o cartel do XXX Festival do Río Castro do próximo 5 de xullo


  • A asociación veciñal leva a presentación ao bar O Campo, unha das dúas tabernas que quedan abertas na parroquia
  • Actuará o grupo Os Cantaberneiros nunha sesión vermú entre petiscos e chinchimoni que seguirá con foliada durante toda a tarde

 

A Asociación veciñal O Castelo de Narahío desvelará este sábado 31 de maio ás 13:00h o deseño do cartel e os grupos musicais da 30ª edición do Festival do Río Castro, que terá lugar na Bóla -ao pé da ponte medieval- o sábado 5 de xullo (ide gardando a data). A presentación volverá optar polo formato de sesión vermú, animada desta vez polo grupo Os Cantaberneiros.

A troula arrancará ás 13:00h no Bar O Campo, situado no lugar do Piñeiro, e seguramente se prolongue toda a tarde entre contos, baile e foliada libre. Ademais sortearase unha lámina do artista gráfico Juanlu Nacha, co deseño do cartel deste ano. Segundo informa a organización, durante a presentación serviranse petiscos con cada consumición e, ademais, tamén se propón “xogar a un xogo de taberna de toda a vida: os chinos ou chinchimoni”.
O Castelo avánzanos que o festival deste ano vai ter unha programación “moi especial”, que contará coa colaboración do Concello de San Sadurniño e da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Deja un comentario