Sunday 01 de June de 2025

O Concello de San Sadurniño abrirá o luns o período de solicitude do campamento de conciliación Aldea de Verán


As familias que cumpran os requisitos de renda poderán solicitar unha bonificación do 10% sobre o prezo do servizo, que non varía con respecto ao ano pasado

 

A Aldea de Verán é unha iniciativa de carácter socioeducativo posta en marcha polo Concello de San Sadurniño coa finalidade de facilitarlles ás familias con rapazada de 3 a 12 anos unha opción de conciliación durante as vacacións escolares. O servizo desenvolverase durante xullo e agosto ofertando 35 prazas cada mes, para as que se poderá escoller entre dous horarios de entrada: un a partir das 8:00h e outro desde as 09:00h, con saída en ambos casos ás 15:00h. As solicitudes para o primeiro mes, para o segundo ou para ambos permanecerán abertas desde as 09:00h deste luns, 2 de xuño, até as 14:00h do día 13. No caso de que queden vacantes para agosto trala primeira asignación volverá abrirse outro prazo do 30 de xuño ao 11 de xullo. As peticións poderán facerse tanto presencialmente como a través da Sede Electrónica. No caso de facer a xestión en nome doutra familia, será necesario achegar a folla de representación correspondente, xunto cunha copia dos DNIs das persoas implicadas.

Este programa impulsado pola área de Igualdade pretende crear un espazo educativo e de lecer para a rapazada xa escolarizada de entre 3 e 12 anos durante as vacacións estivais. Ao mesmo tempo, a Aldea de Verán tamén contribúe a que as familias poidan compatibilizar o seu horario laboral co coidado das crianzas durante os meses de xullo e agosto.

Para este ano, a actividade contará cun total de 35 prazas, que se asignarán por orde de solicitude, dando preferencia ás familias empadroadas en San Sadurniño. Se aínda quedasen prazas dispoñibles, poderán cubrirse con familias que teñan algún membro traballando no municipio e, como última opción, con menores doutros concellos, priorizando aqueles que estean matriculados no CPI de San Sadurniño.

O horario xeral será de luns a venres, de 8:00h a 15:00h, estruturado en dúas opcións: unha con entrada ás 8:00h e outra a partir das 9:00h, ambas con saída ás 15:00h. Para a quenda de entrada ás 8:00h haberá dispoñibles 10 prazas.

Os prezos do servizo son os mesmos que o ano pasado e varían en función do horario elixido e do número de membros dunha mesma unidade familiar que se inscriban. Ademais, este ano introdúcese como novidade a posibilidade de que as familias cunha renda per cápita anual inferior a 7.000 euros poidan solicitar unha bonificación do 10% sobre os prezos do servizo.

Para acollerse a este desconto deberán presentar as declaracións do IRPF do 2023. O cálculo faise sumando a base impoñible xeral (o recadro 505 da declaración de 2023) máis a base impoñible do aforro (recadro 460 do IRPF de 2023) e restándolle logo a autoliquidación (recadro 595). O resultado debe dividirse entre todas as persoas da unidade familiar, de modo que se dá unha cantidade menor deses 7.000 euros poderá pedirse a bonificación.

Os prezos quedarían, polo tanto, nas seguintes cantidades:

Horario de 8:00 a 15:00h Horario de 9:00 a 15:00h
1º membro da familia 110 € / 99 €* 80 € / 72 €*
2º membro da familia 75 € / 68 €* 50 € / 45 €*
3º membro da familia 45 € / 41 €* 30 € / 27€*
(*) Prezo con bonificación, previa solicitude e sempre que se cumpran os requisitos.

O pagamento do servizo só se poderá efectuar unha vez que saia publicada a lista definitiva de admisións, non antes, tanto para as familias do municipio como para as doutras localidades. Lémbrase que a asignación das prazas seguirá a orde de inscrición, dándolle prioridade ás solicitudes que opten pola entrada da nena ou neno ás 8:00h.

O período xeral para presentar as solicitudes irá das 09:00h do día 2 de xuño ás 14:00h do 13 de xuño, e permitirá pedir a actividade de xullo, de agosto ou de ambos meses. Se tras este prazo quedasen prazas vacantes para o mes de agosto, abrirase unha segunda fase de inscrición entre o 30 de xuño e o 11 de xullo.

>Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar co departamento de Igualdade do Concello de San Sadurniño ou chamar ao número 981 490 027. A folla de solicitude –que inclúe a documentación adicional como o cuestionario médico, os DNIs e a autorización– poderá entregarse de maneira presencial no rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica, onde tamén estarán dispoñibles todos os impresos necesarios para a tramitación en liña ou para descarga.

A Aldea de Verán do Concello de San Sadurniño conta cunha subvención de 11.600 euros do Plan Corresponsables, financiado pola Consellaría de Política Social e Igualdade e o Ministerio de Igualdade.

Deja un comentario