Saturday 31 de May de 2025

Máis de 18.000 persoas pasarán este domingo polo Coliseum no XXXVII Trofeo Miguelito


O torneo contará con 3.000 participantes de 76 centros de ensinanza de judo

Este domingo celebrarase no Coliseum da Coruña a edición número 37 do Trofeo Miguelito, a competición máis importante de judo de
categorías base do país. Nela participarán un total de 3.000 nenos e nenas de 76 centros de ensinanza de judo. Espérase que haxa tamén durante toda a xornada unhas 16.000 persoas no público.

O trofeo divídese en catro quendas, comezando a primeira ás 9.15 e a última ás 12.15 horas. “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apoiando os grande eventos deportivos e máis se se trata dun referente deportivo e social como é o Trofeo Miguelito”, indicou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. O trofeo é un dos eventos deportivos de maior historia na Coruña, referente na promoción do judo e do deporte de base na cidade

Este torneo é toda unha referencia internacional do judo, con varios torneos europeos que aplican a mesma metodoloxía. Ademais, o Miguelito ten unha competición adaptada técnica por parellas na que participan judokas con diversidade desde os seus comezos. Este domingo haberá catro niveis diferentes, divididos por idades.

O torneo lembra co seu nome a Miguel Ángel López Pérez, judoka coruñés que perdeu a vida con 19 anos. O seu obxectivo, ademais de renderlle homenaxe, é fomentar a práctica do judo na cidade. O Trofeo está organizado pola Federación Galega de Judo e o Concello da Coruña desde 1989.

Deja un comentario