Saturday 31 de May de 2025

O alumnado e profesorado do Ceip Plurilingüe de Centieiras presenta a súa exposición Transformarte na Casa da Cultura


O vindeiro luns, 2 de xuño, inaugúrase na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22) a mostra de artes plásticas Transformarte, unha exposición que xorde do “proxecto documental integrado sobre arte” que promoveu o colexio Centieiras neste curso. O acto terá lugar ás 10.00 horas e contará coa presenza dunha representación da comunidade educativa do centro xunto co concelleiro de Cultura, Justo Ardá. Transformarte poderá visitarse até o vindeiro 12 de xuño en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Entrada libre.

Segundo explican desde o Ceip Centieiras, ao longo do curso escolar 24-25 desenvolveuse no colexio un proxecto documental sobre arte no que oalumnado investigou e familiarizouse con mecanismos de procura de información, empregando recursos da biblioteca escolar, ao mesmo tempo que afondou na disciplina e en diferentes autores/as relacionados coa mesma.

Na exposición atoparase o traballo realizado polo alumnado ao longo de todo o curso, desde diferentes versións de cadros ata un pequeno filme de cine mudo, pasando por versións propias de colares e vaixelas da marca de Sargadelos e por un espazo adicado á pedagoxía Reggio Emilia, entre outros.

Deja un comentario