
A corporación tamén se comprometeu a consensuar unha declaración institucional de condena do xenocidio do pobo palestino por parte de Israel
Tal e como estaba previsto, a proposta da alcaldía de unir as rúas A e B do centro urbano baixo a denominación de “Rúa Castelao” foi adiante no pleno co voto favorable de BNG, PP e PSOE. Foi no transcurso dunha sesión relativamente breve, duns 25 minutos, na que as cuestións para deliberación e acordo se resolveron en pouco máis de cinco minutos, mentres que os outros 20 estiveron ocupados polas preguntas da oposición. Ademais, como última cuestión, que non ía incluída na orde do día, a corporación acordou que as portavocías dos tres grupos se reúnan para redactar unha declaración institucional de condena do xenocidio israelí sobre o pobo palestino.
A rúa á que se refire a proposta levada a pleno é un tramo de aproximadamente 174 metros de lonxitude e sentido único de circulación que comeza diante da Casa da Cultura e continúa cara á pequena rotonda situada xunto ao pavillón municipal, pasando por diante do centro médico e dándolle acceso, asemade, ao aparcamento fronte ao cemiterio.
A iniciativa do Goberno local naceu coa intención de oficializar o nome dun vial que ata o de agora figuraba nos documentos urbanísticos como rúas “A” e “B”, e que, segundo defendefendeu o Executivo, debería unificarse baixo unha única denominación pola súa continuidade física e funcional, ademais de contar cun valor simbólico axeitado.
O nome proposto, Rúa Castelao, pretende conmemorar o 75 aniversario do falecemento do político e intelectual galego en Bos Aires, efeméride que se está celebrando durante todo este 2025. O Concello xa aprobara en xaneiro unha moción de apoio ao Ano Castelao e comprometeuse a desenvolver unha programación específica ao longo do ano para divulgar o seu legado. Neste contexto, a nova denominación da rúa pretende ser unha homenaxe permanente e visible ao intelectual, principal referencia política e cultural da historia contemporánea de Galicia.
A proposta de acordo saiu adiante co apoio unánime de toda a corporación municipal. O punto serviulle ao PP para volver solicitar que co gallo do Ano Castelao se poñan a disposición do público os dous tomos da edición numerada da obra “O humorismo gráfico de Castelao”, propiedade do Concello.
O grupo popular foi tamén quen formulou todas as preguntas da quenda final dun pleno que durou algo máis de 25 minutos. Tempo que, salvo os cinco minutos iniciais, estivo progatonizado polas cuestións dirixidas á alcaldía sobre múltiples temas, como foi o estado de conservación do paseo fluvial, o equipamento dos parques infantís, a proposta de homenaxe ao mestre Manolo Seco, a marcha das obras de restauración da piscina -que estará lista para o inicio da temporada, segundo asegurou o rexedor- e, por último, o tema recorrente da cesión de locais aos partidos políticos, que está pendente de solventar malia existir un compromiso ao respecto desde hai anos e que, por esta razón, adoita saltar cada certo tempo ao debate plenario.
Antes de levantar a sesión plenaria celebrada este xoves, o alcalde de San Sadurniño quixo introducir un rogo dirixido ao conxunto da corporación municipal. Na súa intervención, instou os grupos políticos a consensuar unha declaración institucional en apoio ao pobo palestino. “É unha cuestión de humanismo”, dixo Secundino García Casal. “Non pode ser que se estea masacrando á poboación e que o mundo occidental estea impasible mirando para outro lado”, lamentou o rexedor.
O rogo do alcalde obtivo unha resposta inmediata por parte do portavoz do Partido Popular, José Luis Hermida, quen expresou o respaldo do seu grupo á iniciativa. Hermida cualificou a situación na franxa de Gaza como “incrible” e engadiu que “non hai palabras para describir o que está pasando alí. E a este home (dixo en referencia ao primeiro ministro israelí) non hai quen lle pare os pés”.
Unha bandeira de Palestina presidiu o salón de plenos durante toda a sesión, como chamada de atención ante a crise humanitaria que os grupos coincidiron en describir como un “masacre” que xa cobrou, segundo algúns datos, preto de 54.000 vítimas civís, moitas delas nenas e nenos e persoas anciás. O xesto visual reforzou o carácter urxente e comprometido do chamamento á solidariedade que realizou o alcalde, nun contexto marcado pola falla de resposta contundente e unánime por parte da comunidade internacional.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.