Saturday 31 de May de 2025

Conta atrás para a realización da carreira popular dos Rosales, co dispositivo de mobilidade e seguridade xa organizado de cara a este domingo 1


Como xa é habitual desde que arrincou esta tempada do circuíto Coruña Corre, o Concello habilitou un mapa dixital para consultar as incidencias de tráfico previstas no contexto da carreira

O barrio dos Rosales vivirá este domingo a décimo segunda edición da súa carreira popular, a cuarta proba desta tempada do circuíto Coruña Corre, que arrincará ás 10.00 horas a carón do pavillón polideportivo municipal (avenida Fernando Suárez García), coa saída das persoas participantes na categoría absoluta.

Xa desde unha hora antes, ás 9.00, todas as persoas que precisen recoller o seu dorsal poderán facelo tamén nas instalacións do pavillón, que abrirá as súas portas para lles prestar os servizos de ducha e gardarroupa ás e aos deportistas que toman parte na carreira.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou hoxe que os cortes de tráfico necesarios para facilitar o desenvolvemento da carreira comezarán un par de horas antes. A partir das 7.00 arrincarán os traballos de instalación da infraestrutura de saída da carreira na avenida Fernando Suárez García, se ben non será ata as 9.30 cando serán efectivos os cortes no circuíto.
“Os cortes rematarán o máis cedo posible, a medida que a cola da proba avance. Será entón cando as vías afectadas pola carreira se vaian reabrindo progresivamente ao tráfico”, explicou Vázquez. Dadas as características do percorrido, as restricións serán case que de minutos, aíndaque as indicacións ao respecto serán precisadas polas persoas profesionais da Policía Local da Coruña que seguirán o evento.

Dous accesos desde a estrada dos Fortes

Na mañá do domingo, quen precise acceder ao barrio dos Rosales en automóbil poderao facer por dúas vías específicas: pola estrada dos Fortes e a rúa Alfonso Rodríguez Castelao, por onde é posible acceder á rúa Manuel Azaña; e desde a estrada dos Fortes pasando despois polo carreiro lindeiro á sede de Madeiras Peteiro, por onde é posible acceder tanto á rúa Simón Bolívar coma a Emilio González López e Manuel Azaña.

Un mapa web para informar das incidencias de mobilidade durante a carreira

Como vén sendo habitual desde o inicio desta tempada de Coruña Corre, o Concello habilitou un mapa web que informa do percorrido da carreira e tamén das incidencias de mobilidade previstas nos Rosales ao longo da mañá deste domingo 1 de xuño, no contexto da proba.

O mapa xa está aberto ás consultas, dispoñible nesta ligazón.
Vázquez animou as e os participantes a que, na medida do posible, aposten polo transporte público urbano e as novas formas de mobilidade sostible para desprazarse aos Rosales, “para evitar as aglomeracións de vehículos no barrio e, desta forma, evitar conxestións de tráfico”.

Deja un comentario