Friday 30 de May de 2025

Os veciños e veciñas dos Rosales debaten sobre o futuro do autobús urbano


A frecuencia das liñas, a intermodalidade e a ampliación das liñas foron os temas máis destacados polas persoas participantes

O Centro Cívico dos Rosales foi esta tarde o escenario dun novo encontro veciñal sobre o futuro do transporte urbano, no marco do proceso participativo impulsado polo Goberno municipal que lidera Inés Rey. Veciños e veciñas asistiron a esta sétima sesión do calendario, que contou coa intervención inicial da alcaldesa, quen agradeceu a implicación cidadá e puxo en valor a importancia destes espazos de diálogo.

Durante a sesión, o equipo técnico encargado do estudo sobre o transporte urbano na Coruña expuxo os principais datos de mobilidade do distrito 5, no que se atopa o barrio dos Rosales. Posteriormente, desenvolveuse unha dinámica participativa na que as persoas asistentes puideron achegar propostas e reflexións sobre temas como a frecuencia dos servizos, o trazado das liñas, a accesibilidade, as conexións con outros modos de transporte ou a cobertura de zonas específicas.
“O novo contrato do autobús urbano debe dar resposta ás necesidades reais da cidadanía, barrio a barrio, e procesos coma este son fundamentais para acertar”, destacou a rexedora, acompañada de membros do seu Goberno.

Peticións e suxerencias

O distrito 5 conta con arredor de 34.200 habitantes, servidos por 7 liñas de autobús urbano (3, 3A, 7, 12, 12A, 14 e BUH) e un total de 41 paradas. Segundo a enquisa realizada durante o encontro, o 80% das persoas participantes residían no propio distrito e case un 67% afirmou utilizar o autobús urbano entre diariamente e de 3 a 5 días á semana. A maior parte dos asistentes participaron a título individual.
No que respecta á valoración do servizo, os prezos volveron ser o aspecto mellor puntuado, cunha media de 9,2 puntos sobre 10, seguido da accesibilidade (5,7), as marquesiñas (5,2) e a calidade das liñas e paradas (5,7). Pola contra, a frecuencia das liñas (4,1) e a intermodalidade (3,7) foron os aspectos máis criticados, sendo as dúas cuestións que non superaron o aprobado.

Próximos encontros

O vindeiro encontro terá lugar o 5 de xuño no Fórum Metropolitano, ás 18:30 horas. O calendario completo dos próximos encontros é o seguinte:
5 de xuño: Fórum Metropolitano
10 de xuño: Centro Cívico de Eirís
12 de xuño: Centro Cívico de Elviña
14 de xuño: Circo de Artesáns

As persoas interesadas en participar nalgún ou nalgúns dos Encontros de Barrio programados ata mediados de xuño xa poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón. Ademais, toda a información sobre o proceso participativo estará dispoñible nesta web específica.

Deja un comentario