Friday 30 de May de 2025

Román Rodríguez felicita ao CIFP Paseo das Pontes polos éxitos acadados ao longo de 25 anos de traxectoria e exemplo do bo facer da FP en Galicia


O conselleiro de Educación e a directora xeral de Formación Profesional participan nos actos conmemorativos do aniversario

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, felicitou hoxe ao CIFP Paseo das Pontes polos éxitos conquistados ao longo destes 25 anos, nun acto institucional co que o centro celebrou o seu 25º aniversario. O titular educativo estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, nun evento que reuniu alumnado, profesorado e equipo directivo para conmemorar unha traxectoria marcada pola excelencia e a innovación nestas ensinanzas.

O conselleiro destacou os logros acadados polo centro ao longo deste cuarto de século, e mencionou tamén os recoñecementos obtidos por estudantes neste curso, como o premio Promesas de Alta Cociña de Le Cordon Bleu Madrid ou o XXIV Concurso de Cociña e Coctelería do CIFP Fraga do Eume.

Ademais, puxo en valor o papel activo do CIFP Paseo das Pontes ao promover a calidade e visibilidade da FP con iniciativas como o VI Certame de Servizo de Cervexa Estrella Galicia para Escolas de Hostalería. Así mesmo, aproveitou para reivindicar o papel que exercen os centros educativos e o tecido empresarial no impulso da FP a través de iniciativas como esta. “Este tipo de eventos converten ao Paseo das Pontes nun escaparate do talento e da profesionalidade”, afirmou.

O acto contou tamén cun desfile de deseños a cargo do alumnado da familia profesional de Téxtil, Confección e Pel, así como unha degustación elaborada por estudantes da familia de Hostalería e Turismo.

Deja un comentario