Saturday 31 de May de 2025

A Xunta destaca a capacidade tractora de “Vilas vivas” para impulsar o comercio local e as sinerxías coa riqueza vitivinícola, cultural ao termal de Ribadavia


― A Xunta destinará 590.000€ a unha iniciativa cuxas actividades arrancarán no último trimestre buscando o diálogo cos recursos endóxenos da vila para ofrecer unha experiencia integral ao visitante, contando tamén co potencial mobilizador do AVE

― Con este piloto, enmarcado no Plan estratéxico do comercio e que se estenderá a outras vilas senlleiras, búscase reactivar o tecido comercial da vila a través da reapertura de máis dunha ducia de baixos, ademais do emprego de espazos municipais

— Durante a primeira fase do acordo, que comeza agora, Ribadavia encargarase da selección e xestión dos baixos en desuso nos que se desenvolverá a proposta, que serán alugados e acondicionados para a súa posta a disposición en formato efémero

― O conselleiro avanzou que se abrirá unha canle de comunicación no mail vilasvivas@xuntal.gal para que as persoas comerciantes, produtoras e artesás envíen as súas suxestións e propostas co fin de sacar máximo aproveitamento desta iniciativa

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, asinaron esta tarde o convenio de colaboración entre a Xunta e este municipio para desenvolver en Ribadavia unha experiencia piloto do proxecto de dinamización comercial Vilas vivas, que o Goberno galego estenderá posteriormente a outras localidades galegas que, como Ribadavia, contan con potencial turístico e cunha produción local enraizada no territorio como motor económico. A esta colaboración bianual -con vixencia ata decembro de 2026-, o Executivo autonómico destina preto de 590.000 euros e o obxectivo, segundo sinalou o conselleiro, é iniciar as actuacións de dinamización comercial no último trimestre deste ano.

Nun acto no que estivo acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, o conselleiro destacou que con Vilas Vivas búscase potenciar contornas comerciais de vilas senlleiras dando unha nova vida a baixos en desuso e estimular a afluencia de visitantes. En Ribadavia está previsto reactivar máis dunha ducia de locais, ademais dos de titularidade municipal que formarán parte da iniciativa, como a igrexa da Magdalena –marco da sinatura da convenio–.

Apoiándose na capacidade tractora desta medida, apóstase por favorecer sinerxías entre o comercio –o da vila que xa está en funcionamento e o efémero-, os recursos endóxenos, espazos como a Praza de Abastos –que a Xunta tamén impulsa a través da orde de apoios de Mercados Excelentes– e ferramentas como Artesanía de Galicia. O conselleiro puxo de relevo o “tremendo potencial” de Ribadavia para impulsar o comercio local, definindo Vilas Vivas coma unha plataforma para dialogar coa riqueza vitivinícola, patrimonial, cultural, gastronómica ou termal da vila e a súa contorna, construíndo unha “experiencia integral” para atraer visitantes, contando tamén coa capacidade mobilizadora da Alta Velocidade.

Detalles do convenio

Vilas vivas forma parte do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e o acordo con Ribadavia —que solicitou a súa adhesión no marco da aposta do municipio pola dinamización do comercio local—permitirá testar o impacto do proxecto. Agora comeza a 1º fase da colaboración, na que o Concello se encargará da selección e posta a disposición dos locais que serán recuperados alugándoos, acondicionándoos e promovendo o seu uso por parte de comerciantes e artesáns en rotación. Neste sentido, alugaranse os locais ás persoas propietarias por un mínimo de 2 anos prorrogables, sumándose a eles outros espazos municipais coma a propia igrexa da Magdalena.
O seguinte paso será a licitación e execución dos contratos para o acondicionamento destes baixos para o seu uso comercial. Tamén avanzará en actuacións complementarias dirixidas á dixitalización ou á integración do resto de comercios xa en funcionamento, favorecendo unha imaxe homoxénea. Completadas estas accións, seleccionaranse aos participantes mediante concorrencia pública e criterios obxectivos, co fin de garantir a rotación, diversidade e participación aberta dos comerciantes e obradoiros interesados. Tamén se executarán actuacións de decoración e sinalización das rúas.

A Xunta asesorá ao Concello a través da Oficina Técnica de Vilas Vivas, artellando ambas partes unha programación e un calendario de apertura e de dinamización comercial. Ademais, o Goberno autonómico apoiará accións formativas para o tecido comercial da vila, así como os custos de persoal de apoio vencellado ás actividades de dinamización.

Canle de comunicación para suxestións

Coa finalidade de reforzar este espazo de colaboración e de potenciar estes recursos con Vilas Vivas, o conselleiro avanzou que a Xunta abrirá unha canle de comunicación vía mail —vilasvivas@xunta.gal— para que as persoas comerciantes, produtoras e artesás interesadas envíen as súas suxestións co fin de sacar máximo aproveitamento da iniciativa.

Deja un comentario