Saturday 31 de May de 2025

A Xunta enxalza o labor da Fundación Inspiring Girls no impulso do talento e os referentes femininos entre a xuventude


 A directora xeral de Promoción da Igualdade sinalou que é necesario seguir impulsando medidas que dean visibilidade ao traballo e esforzo das mulleres en todos os ámbitos da sociedade

 María Quintiana lembrou que o Executivo galego traballa na primeira Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, enxalzou esta tarde o labor que desenvolve a Fundación Inspiring Girls que traballa cada día coa mocidade para promover os referentes femininos e dar visibilidade ao papel das mulleres en todos os ámbitos das sociedade.

Na presentación desta entidade en Galicia, María Quintiana sinalou a importancia de que a Administración e o tecido asociativo vaian da man para seguir impulsando medidas que permitan dar visibilidade ao traballo e esforzo que desenvolven moitas mulleres, moitas veces sen ser recoñecido. Por iso, destacou a necesidade de expoñer á mocidade referentes femininos que contribúan a romper cos estereotipos de xénero.

Neste senso, lembrou que o Executivo galego ten o compromiso de seguir impulsando o talento feminino en todos os ámbitos, polo que xa traballa na creación da primeira Estratexia galega para o fomento do emprego feminino en sectores masculinizados. O obxectivo, recalcou, e contribuír a aumentar a presenza das mulleres nestes eidos e dar visibilidade ao seu traballo.

Na súa intervención, a directora tamén agradeceu á Fundación Inspiring Girls a súa aposta pola concienciación en materia de xénero da mocidade. Así, trasladou os mellores desexos do Executivo galego para este proxecto en Galicia, ao tempo que a Xunta de Galicia ten a man tendida para colaborar no camiño cara unha sociedade máis igualitaria.

Deja un comentario