Saturday 31 de May de 2025

Apertura prazo preinscrición Escola municipal de teatro (infantil e xuvenil)


A concellería de Cultura, Antía Alberte informou no día de hoxe que abrirá nas vindeiras semanas o prazo de renovación de matrícula para a Escola Municipal de teatro na categoría infantil co interese de continuar o vindeiro curso 2025 -2026 con esta actividade e ademais volverase ofertar a categoría xuvenil para tentar formar un grupo teatral desta idade e acoller así tamén aos nenos e nenas do grupo infantil que van medrando e queren continuar con esta formación en arte dramática. A Escola Municipal de Teatro na categoría infantil está dirixida a nenas e nenos de 7 a 12 anos de idade (cumpridos ao inicio da actividade) e a categoría xuvenil vai dirixida a mozos e mozas de 13 a 17 anos.

Para este curso ofértanse un total de 40 prazas, 20 para cada unha das categorías (infantil e xuvenil) e terán preferencia na matriculación
aqueles participantes que xa estiveran matriculados no curso pasado.
Polo tanto haberá dous prazos para a presentación de solicitudes: por un lado do 9 ao 18 de xuño para a renovación de praza daqueles alumnos e alumnas do grupo infantil que queiran continuar con estas clases; e unha vez rematado este primeiro prazo preferente de renovacións, abriremos o prazo para a nova inscrición tanto para as vacantes que poidan quedar para o grupo infantil como para formar un grupo xuvenil. Este prazo de nova inscrición será do 19 ao 30 de xuño. Ademais establécese un mínimo de 10 participantes/grupo para poder organizalos.

As clases, en ambas categorías, comezarán na segunda quincena de setembro e rematarán na primeira semana de xuño de 2026 coa posta en escena dun espectáculo teatral por parte do alumnado participante. Os ensaios serán no Auditorio Municipal, un día a semana co seguinte horario: os martes de 19:00 a 20:30 horas para o grupo xuvenil e os xoves de 18:30 a 20:00 para o grupo infantil.

En canto ao prezo público, para esta actividade será o estipulado na ordenanza C.2, 127,92€/todo o curso, que é un prezo que se mantén
en cambios dende hai moitos anos xa. Haberá bonificacións do 20% sobre o importe da matrícula para os fillos/as das familias que reúnan algunha das seguintes condicións ou circunstancias (resultando un prezo de 102,34 € para estes colectivos), sempre que o acrediten documentalmente e previamente autorizada a bonificación polo departamento de Cultura antes de realizar o pago:
● Familias que teñan a obtención do TÍTULO DE FAMILIA NUMEROSA.
● Familias acolledoras ou monoparentais que o acrediten documentalmente co certificado oficial.
● Familias con dous ou máis inscritos/as nesta actividade: o desconto aplicaríase na matrícula do segundo fillo/a e sucesivos.
● Familias nas que, ao menos, un dos seus membros sexa DESEMPREGADO/A DE LONGA DURACIÓN (que teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregados/as na oficina de emprego de 180 días se fosen menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 365 días se fosen maiores de 25 e menores de 45 anos de idade, debendo presentar vida laboral e/ou certificado de períodos de inscrición na Oficina de Emprego).
● Familias nos que o propio participante acrediten unha DISCAPACIDADE DE AO MENOS O 33% (acreditando tal condición co certificado de discapacidade).
● A listaxe de admisión publicarase o 4 de xullo. O alumnado de renovación terá garantida a praza polo que deberá realizar directamente o pago do prezo público do 9 ao 16 de xullo de 2025.
Para o alumnado de nova inscrición (tanto para o grupo infantil como para o xuvenil) as solicitudes atenderanse por orde de inscrición segundo número de rexistro e unha vez consultada a listaxe de admitidos/as deberán realizar o pago do prezo público do 9 ao 16 de xullo de 2025.
● As solicitudes presentaranse a través do Rexistro Xeral do Concello de Ribeira:
● De maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá do Concello (atención ao público de 9:00 h. a 14:00 h.) presentando a ficha de
inscrición cuberta e a copia do DNI do participante e do pai/nai/titor.
● De forma telemática a través da sede electrónica: a partir das 9:00 h do día 9 de xuño para a renovación e do 19 de xuño para as novas inscricións.

Deja un comentario