Por primeira vez o festival celebrarase en dous días: o mércores 16 e o venres 18 de marzo no auditorio do centro social polivalente
O auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá mañá mércores 16 de marzo, ás 20:00 horas, a primeira das dúas actuacións do Festival de Música de Cámara (FECAM 2016) da Escola Municipal de Música Magariños. A segunda actuación terá lugar este venres 18 de marzo, no mesmo escenario e á mesma hora. O director da ESMU Magariños, Carlos Pintor, explica que “este ano decidimos dividir o concerto debido á súa extensión e para facelo máis cómodo para o espectador, pois temos prevista a actuación dun cento de persoas e a extensión das pezas e dos movementos que van interpretar farían que fose demasiado longo”.
Deste xeito, o FECAM 2016 dividirase en dúas actuacións, de aproximadamente hora e media cada unha, que terán lugar o mércores 16 e o venres 18 de marzo. A entrada é libre e de balde ata completar aforo. O VI Festival de Música de Cámara está organizado pola Escola Municipal de Música Magariños e conta coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Carlos Pintor explica que “a práctica da música de cámara cumpre unha función decisiva no desenvolvemento do oído musical, en todos os seus aspectos. O repertorio camerístico constitúe o medio idóneo para que o alumnado desenvolva o sentido da afinación, desenrolo que non pode deixar de ser instintivo e mimético, que se resiste a ser ensinando ou transmitido por métodos racionais e que require unha larga praxe musical, preferentemente en conxunto”.