Sunday 01 de June de 2025

Celebrada a sesión ordinaria do pleno correspondente ao mes de maio


Na sesión deuse conta do decreto de aprobación do PMUS e saíron adiante dúas mocións.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, aproveitou a sesión ordinaria do Pleno celebrado hoxe para anunciar á Corporación a futura construción dunha nova depuradora de residuais en Caión, fóra do núcleo urbano, cun investimento que superará os dous millóns de euros, que tamén dará servizo ao núcleo de Xermaña e que estará preparada para atender as necesidades ante o aumento no número de habitantes e a poboación flotante que se rexistra no verán. A actuación é necesaria por causa do deterioro da estación de pretratamento da Ribeira, que ten unha antigüidade de trinta anos. O rexedor informou de que ese foi o principal asunto tratado na reunión que mantivo esta semana coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, na que se analizaron outras iniciativas como a creación dunha nova estación de tratamento de auga potable en Paiosaco.

No Pleno deuse conta do decreto de aprobación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), o documento de planificación estratéxica que achega unha nova perspectiva da maneira na que se concibe e emprega o espazo público no termo municipal da Laracha co obxectivo de avanzar cara o equilibrio real entre as necesidades de mobilidade da poboación coa accesibilidade, a inclusividade, o fortalecemento do tecido comercial local e a eficiencia no eido medioambiental como fíos condutores. O PMUS, que está dispoñible para a súa consulta na web municipal alaracha.gal, é unha folla de ruta integral para a transformación progresiva do modelo actual cara outro máis sustentable que mellore a calidade de vida da veciñanza e que, particularmente, favoreza o desprazamento seguro da infancia e das persoas maiores.

E tamén foron aprobadas dúas mocións. Unha delas -coa abstención do grupo socialista- foi a relativa ao financiamento do sistema de atención á dependencia ante a modificación da Lei, co acordo de instar ao Goberno de España a presentar unha memoria económica concreta na que se avalíe e determine o custo dese cambio normativo, a atender as suxestións feitas pola Xunta para considerar as peculiares circunstancias da realidade social e demográfica galega, a cumprir co cofinanciamento do 50 % da Lei de Dependencia e a saldar a débeda acumulada con Galicia en materia de dependencia, que ascende a 2.500 millóns de euros. A outra moción -que saíu adiante por unanimidade- foi para apoiar o uso do galego nos Parlamento Europeo.

Deja un comentario