Sunday 01 de June de 2025

A Tempada Lírica da Coruña celebra o 150 aniversario de ‘Carmen’ coa produción de Calixto Bieito


O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou na presentación da programación da LXXIII edición, destacando a excelsa calidade dun repertorio “único no país”

A LXXIII Tempada Lírica de Amigos da Ópera da Coruña celebra nesta edición o 150 aniversario da estrea de ‘Carmen’. Farao cunha produción espectacular asinada por Calixto Bieito que se verá no Palacio da Ópera os días 5 e 7 de setembro, tal e como anunciou a presidenta da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, Natalia Lamas, durante o acto de presentación da nova programación. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou nesta presentación e destacou que “o repertorio de obras que trae cada ano á cidade este certame é único no país”.

No acto, celebrado no Teatro Colón, participaron o director artístico da Asociación, Aquiles Machado; o director do AGADIC, Jacobo Sutil e Avia Veira, da Deputación da Coruña. Así mesmo tamén estivo presente a directora da Fundación Emalcsa, Bettina Kohlass. “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos achegar a cultura máis selecta á cidadanía e unha proba diso é o noso apoio a este programa, de primeiro nivel mundial”, engadiu Castro. Machado debullou a programación completa, que dará comeza o 4 de setembro coa conferencia ao redor de ‘Carmen’ a cargo de Irene de Juan Bernabéu e que finalizará o 5 de decembro coa estrea na cidade herculina de ‘Pelléas et Melisande’, de Debussy.

Carmen

A primeira gran cita será o 5 de setembro coa representación de ‘Carmen’, no ano no que a ópera de Bizet cumpre 150 anos da súa primeira posta en escena. Para celebrar este aniversario na A Coruña farao coa produción de Calixto Bieito, que chega á cidade tras triunfar en grandes teatro internacionais. Unha cita que ademais significa o regreso deste título á tempada tras 19 anos. Ao mesmo tempo é o retorno dunha produción do recoñecido director de escena cuxa último traballo con Amigos da Ópera foi hai 23 anos. ‘Carmen’ representarase os días 5 e 7 de setembro no Palacio da Ópera. Esta montaxe reunirá sobre o escenario a preto de 100 artistas que se sumarán aos músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección musical de Gianluca Martinenghi.

En total participarán preto de 200 profesionais cun elenco encabezado por Sofija Petrovic como Carmen; Brian Michael Moore converterase en Don José, Jean- Fernand Setti será Escamillo e María José Moreno volve á tempada coruñesa nesta ocasión como Micaela.
O elenco completarase con Susana García como Frasquita; Irene Zas como Mercedes; Jacobo Rubianes no rol de Zuñiga e Pedro Martínez Tapia como Morais. Lle Dancaire será Gabriel Alonso e Eduardo Pomares Sainz converterase en Remendar. Xunto a eles os coros Gaos e Cantabile, baixo as direccións de Fernando Briones e Pablo Carballido respectivamente complementarán as voces dos solistas.

La finta semplice

O mes de setembro continuará coa conferencia previa á ópera de Mozart ‘La finta semplice’, que se poderá gozar os días 26 e 28 de setembro no Teatro Colón, cunha produción propia de Amigos da Ópera e asinada por Gianmaria Aliverta. Giuseppe Sabbatini será o responsable da dirección musical da Orquestra Sinfónica de Galicia. Anthony Webb dará vida a Polidoro; Christian Pursell será Cassandro e Marina
Zyatkova será Ninetta. Diana Alexe converterase en Rosina e Angela Schisano encarnará a Giacinta. Caio Durán realizará o rol de Fracasso e David Cervera o de Simone.

O xoves 25 de setembro, a sala de prensa de Afundación acollerá a conferencia previa relativa a esta ópera que estará a cargo de Julián Jesús Pérez.

Aposta didáctica

Un ano máis a Asociación volve apostar pola faceta máis didáctica coa que se traballa para transmitir a maxia da ópera aos escolares da Coruña e a súa área de influencia. Nesta edición organizáronse dúas sesións dobres, que se realizarán os días 21 e 22 de outubro, onde participarán máis 1.000 escolares no Auditorio de Afundación. Previamente realizarase un traballo conxunto nos centros educativos participantes.

O traballo formativo tamén volverá a contar co curso de interpretación vocal. Así, do 29 de setembro ao 3 de outubro, realizarase unha nova edición desta cita, que por segundo ano correrá cargo do barítono Carlos Álvarez. O prazo de inscrición comezará o 25 de xuño. Os artistas seleccionados terán a oportunidade de recibir clases maxistrais do mestre Álvarez, que ademais compartirá con eles as súas experiencias vitais e profesionais. O curso finalizará con celebración dun concerto gratuíto, o 4 de outubro no Museo de Belas Artes.

O mes completarase coa realización dos concertos gratuítos do ciclo de lírica inclusiva. O primeiro será o día 10 coa actuación de Rocío Muñoz, a Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos (18.00 horas). O venres 17 a sede da ONCE acollerá o recital de Alexandra Zanfira (19.00 horas) e o 24 pecharase coa participación de Marcelo Solís no centro cívico de Monte Alto. En todos eles estarán acompañados ao piano polo coruñés Gabriel López.

Ao longo do mes de novembro a tempada continuará con proxeccións de cinema que terán na Filmoteca de Galicia. Nesta edición os afeccionados poderán gozar coas proxeccións de ‘In the mood for love’, de Wong Kar-Wai e ‘Carmen’, de Francesco Rosi. Así mesmo en Afundación proxectaranse as óperas ‘Lles Pêcheurs de perles’, de Georges Bizet; ‘Die Fledermaus’, de Johann Strauss e o recital de Dietrrich Fischer ‘Dieskau’ acompañado ao piano de Christoph Eschenbach.

Gala 2025: distinta, inclusiva e innovadora

A tempada lírica 2025 contará cunha gala que se celebrará o 24 de novembro no Teatro Colón e que estará protagonizada polo cantante venezolano, Samuel Mariño. O sopranista chega por primeira vez a Galicia onde, asegurou Aquiles Machad, “ofrecerá un fantástico repertorio camerístico que estamos seguros cultivará o aplauso do público”.

Na Coruña teremos a oportunidade de gozar non só da súa voz, senón tamén dunha posta en escena distinta, innovadora e aplaudida alá por onde pasa, sinalou o director artístico da programación coruñesa.

Clausura con ‘Pélleas et Mélisande’

A LXXIII edición será clausurada o 5 de decembro coa obra ‘Pélleas et Mélisande’, no Teatro Colón da Coruña. Esta será a première da única ópera composta por Claude Debussy na cidade herculina nunha cita que contará co principal director convidado da Asociación de Amigos da Ópera, José Miguel Pérez Sierra, o cal volverá poñerse á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Sobre o escenario uniranse as voces de Sabrina Gárdez, Edward Nelson, Yakov Strizhak, Igor Durlovski, Mónica Redondo, Belén Vaqueiro e Javier Agudo. Xunto a eles a sección masculina do Coro Gaos dirixidos por Fernando Briones. As entradas e abonos para os asociados de Amigos da Ópera poderán retirarse entre o 12 e o 18 de xuño nas oficinas da entidade, e a venda para o público xeral comezará o 20 de xuño a través de ataquilla.com e no punto de venda da Praza de Ourense.

Deja un comentario