
O evento, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, terá lugar o sábado 31 de maio en Miño con actividades durante todo o día
No espazo adicado a Fene destacaranse os festivais locais, a tradición das Lavandeiras de Sillobre e outros referentes culturais e turísticos do municipio.
O Concello de Fene participará un ano máis na feira turística Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés coa finalidade de promover o patrimonio, a cultura e a oferta turística dos concellos polos que discorre esta histórica ruta xacobea. A cita celebrarase o sábado 31 de maio no Parque da Rúa, en Miño, con programación ininterrompida de 10:00 a 20:00 horas.
No seu espazo propio, o Concello de Fene centrará a súa presenza en destacar a riqueza cultural e festiva, con especial atención a eventos de referencia como o FeneRock, o Felicia Pop ou o Perla Mural Fest, ademais da exposición das Lavandeiras de Sillobre, un proxecto que une tradición, memoria e identidade.
Durante a xornada tamén se proxectará un vídeo promocional, no que se recollen imaxes destas festas e actividades culturais, así como referencias ao turismo gastronómico —coa Confraría de Barallobre como protagonista—, a creación artística local, representada por Laudas Calamity, ou a música tradicional galega, con Airiños de Fene.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, destacou que “esta feira é unha oportunidade excelente para amosar todo o que Fene ten para ofrecer, desde os nosos festivais e tradicións ata o potencial creativo e gastronómico que nos distingue”. “Queremos que a xente saiba que Fene é un destino que combina cultura, natureza, sabor e memoria, e que aposta por un turismo sostible e de calidade”, engadiu.
A feira contará, ademais, cunha ampla programación de actividades culturais e gastronómicas, mercado de artesanía, obradoiros para crianzas e actuacións musicais, convertendo o espazo do Parque da Rúa nun punto de encontro para descubrir a diversidade dos concellos do Camiño Inglés.
Coa participación neste evento, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa promoción do concello como parte activa da rede do Camiño Inglés e como destino de referencia no eido cultural e turístico da comarca.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.