
A denominación obedece á necesidade de poñerlle un nome máis axeitado a unha vía que na documentación urbanística aparece como rúas “A” e “B”, pero tamén ao compromiso do Concello de renderlle tributo ao intelectual galeguista no 75º aniversario do seu pasamento
O Concello de San Sadurniño celebrará no serán deste derradeiro xoves de maio sesión ordinaria do pleno municipal. Unha sesión que, salvo temas urxentes introducidos a última hora, só levará un asunto principal para debater e votar. E é que o contido do pleno, que comezará ás 19:30h, estará centrado na proposta da alcaldía de denominar como “Rúa Castelao” ao eixo que conecta a Avenida Marqués de Figueroa co pavillón municipal, pasando por diante da Casa da Cultura, o Centro de Saúde e o cemiterio parroquial. A iniciativa vén motivada pola necesidade de poñerlle un nome máis axeitado a unha vía (en realidade son dúas unidas) aberta hai case seis anos, pero tamén polo desexo do Concello de renderlle tributo ao intelectual galeguista no 75º aniversario do seu pasamento. Cabe agardar que a proposta saia adiante por unanimidade.
A rúa en cuestión é un tramo de aproximadamente 174 metros e dun único sentido de circulación que arranca diante da Casa da Cultura e continúa logo cara á pequena rotonda do pavillón municipal, discorrendo por diante do centro médico e dándo acceso tamén ao aparcamento construído fronte ao cemiterio.
A iniciativa pretende dar resposta á necesidade de oficializar o nome dun eixo que, até agora, figuraba nos documentos urbanísticos como rúas “A” e “B”. O goberno local defende que, pola súa continuidade física e funcional, debe unificarse baixo unha única denominación que, ademais, teña unha carga simbólica axeitada.
O nome elixido, Rúa Castelao, coincide coa celebración en 2025 do 75 aniversario do pasamento do político e intelectual galego en Bos Aires. O Concello aprobou en xaneiro unha moción de apoio ao Ano Castelao e comprometeuse a desenvolver ao longo do ano unha programación específica para divulgar o seu legado. Nese sentido, o cambio de nome pretende ser unha homenaxe permanente e visible na paisaxe urbana do municipio.
Na memoria de alcaldía que sostén a proposta plenaria apúntase que a figura de Castelao representa “a principal referencia política e cultural da historia contemporánea de Galiza”, destacando o seu compromiso coa lingua, a cultura e os dereitos nacionais. A denominación da rúa co nome de Castelao busca tamén reforzar a identidade colectiva da veciñanza e manter viva a memoria dun dos persoeiros máis senlleiros da historia galega.
A proposta será o tema principal dunha sesión que, a maiores, só leva para deliberación e acordo o punto da aprobación da acta do pleno anterior. Iso si, por tratarse dun pleno ordinario tamén incorpora o apartado de rogos e preguntas, que case sempre concentra unha parte importante do debate entre o goberno e a oposición.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.