
O Concello aposta na segunda edición do certame por tres recoñecidos espectáculos de danza contemporánea
Neda volverá converterse a próxima semana en escaparate dalgunhas das propostas de danza contemporánea máis potentes de Galicia. Será grazas á segunda edición do festival Neda en danza, que aposta por promocionar na rúa esta forma de expresión universal, que comunica emocións.
Tras a boa acollida da primeira edición, o Concello vén de pechar a programación do certame, que terá lugar o sábado 7 de xuño, a partir das 20 horas, no paseo marítimo (contorna do albergue de peregrinos). O obxectivo, achegar a danza a todos los públicos e ir na procura do espectador.
O cartel de Neda en danza inclúe propostas pensadas para mostrar a diversidade de estilos e máis de enfoques. Serán tres espectáculos, protagonizados por compañías galegas, para unha tarde chea de maxia.
O Colectivo Glovo presentará “Alleo”, creado e interpretado por Esther Latorre e Hugo Pereira, e baseado na idea da atalaia, na privilexiada posición de quen ocupa a torre e tamén na súa soidade e o peso de descubrir o que está por vir. Unha peza multipremiada.
Despois chegarán dúas propostas que relacionan danza e mar. En “Mesura” Raquel Ferradás báilalle á espera e á inquietude e preocupación que xera en diferentes momentos da vida. O mar ten un papel protagonista nos movementos de Ferradás, simbolizando tanto cando está calmo e tranquilo como cando as olas irrompen sen aviso.
Finalmente, o colectivo DeXeito presentará “77.000”, unha proposta que busca contar “a través da danza, creando a nosa propia representación do suceso, as consecuencias e o movemento” a maior catástrofe ambiental vivida en Galicia, a do Prestige. A proposta, que convida ao público a reflexionar sobre a fraxilidade da contorna e sobre a importancia da acción colectiva en situacións de emerxencia, acadaba o Premio á mellor peza en Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres 2024.
O Concello conta para Neda en danza co apoio da Rede cultural da Deputación da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.