
O proxecto conta cun orzamento global de case 4,3 millóns de euros (1,7 millóns aportados pola Xunta a través de Augas de Galicia), e comezará a desenvolverse no último trimestre de 2025
Esta intervención enmárcase nun esforzo máis amplo por parte da Administración galega para a modernización das infraestruturas hidráulicas do territorio, dotada con 110 millóns de euros
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Ares na presentación do proxecto de mellora do sistema de abastecemento de auga do concello, unha actuación que cualificou de “necesaria, ambiciosa e comprometida co futuro da vila”. Durante o acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e polo alcalde, Julio Iglesias, así como por representantes locais, Rueda puxo en valor a colaboración institucional como vía para garantir servizos básicos que melloren a calidade de vida da cidadanía: “Os servizos que hai que dar nesta zona teñen que estar á altura do entorno que temos e da capacidade de atracción que isto xera”, remarcou.
O proxecto, que conta cun orzamento global de case 4,3 millóns de euros (dos cales a Xunta achega 1,7 millóns a través de Augas de Galicia), naceu do convenio asinado co Concello en setembro do ano pasado. A intervención permitirá resolver os problemas actuais de presión e subministración, especialmente críticos durante os meses de verán debido ao incremento da poboación.
Entre as actuacións previstas, destaca a construción dun novo depósito de regulación con capacidade para 3.400m3, así como a execución dunha liña de adución de 2.500 metros e outra de distribución de 1.600 metros. Estas infraestruturas conectarán co sistema actual, ao tempo que se renovan elementos esenciais como cámaras de control, sistemas de cloración e regulación de presión, co obxectivo de garantir unha subministración fiable e de calidade.
A previsión é que as obras, xa licitadas, poidan comezar no último trimestre de 2025. O presidente destacou tamén que esta actuación forma parte dun esforzo máis amplo da Xunta para modernizar as infraestruturas hidráulicas en toda Galicia: “Temos case 110 millóns de euros para colaborar cos concellos en algo tan fundamental como é o seu ciclo da auga no seu sentido máis amplo”, destacou o presidente.
Finalmente, Rueda reafirmou o compromiso do Goberno galego de seguir colaborando cos concellos que, como Ares, teñan vontade de avanzar e mellorar os seus servizos públicos, construíndo conxuntamente unha Galicia que coide dos seus recursos e garanta o benestar dos galegos: “Todo isto é imprescindible e necesita da colaboración das Administracións. E, polo tanto, agradezo moitísimo ao concello de Ares a súa implicación conxunta con nós”, apuntou Rueda.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.