Thursday 15 de May de 2025

O Pleno aproba o primeiro inventario de vías e bens inmobles do Concello de Lousame


Teresa Villaverde destacou que o inventario “é un instrumento imprescindible” que “axilizará a xustificación da propiedade dos bens á hora de facer inversións”

A alcaldesa convida á veciñanza “a revisar o documento e facer alegacións necesarias porque o Concello non ten ningún interese de apropiarse de nada: se algo non é correcto, corrixirase”

O Concello de Lousame celebrou na noite de onte unha sesión plenaria extraordinaria para aprobar inicialmente o primeiro “Inventario de vías e bens inmobles do Concello de Lousame” e o Plan Económico Financeiro para o período 2025-2026. A alcaldesa, Teresa Villaverde, xustificou a urxencia da convocatoria tanto na necesidade de enviar o Plan Económico Financeiro ao Ministerio de Facenda, cuxo prazo remataba a finais deste mes de abril, como de axilizar a aprobación do inventario, toda vez que restan aínda dous meses de prazo para presentar alegacións. Unha urxencia que foi aprobada por unanimidade.

Villaverde presentou o inventario como “un instrumento imprescindible e agora toca aprobalo para despois abrir un período de dous meses para que os veciños e veciñas poidan presentar alegacións”. Así, lembrou que este inventario é un mero rexistro administrativo que, por si so, nin crea, nin constitúe dereito algún en favor do Concello, sendo máis ben un documento que serve para coñecer en todo o momento o patrimonio municipal para a súa mellor conservación e protección.

“O dramático é non ter un inventario porque se poden perder subvencións por non ser quen de xustificar en tempo a propiedade dos bens”, exemplificou a alcaldesa, para quen o inventario permitirá “unha xestión moito máis áxil e permitirá tamén facer mellor as cousas”. Sen embargo, insistiu en que “o Concello non ten ningún interese en facerse coa propiedade de ninguén. Se algo non é correcto, corrixirase e instamos aos veciños e veciñas de Lousame a que comproben os datos e fagan as alegacións que estimen oportunas”.

Debate

De feito, o voceiro do PSOE, Juan José Prego Ces, xustificou a abstención do seu grupo nese mesmo punto xa que “non poñemos en dúbida o inventario pero hai cousas que se nos escapan e que pensamos que non están ben. Eu mesmo terei que facer unha alegación”. Esta mesma razón levou ao voceiro do BNG, Anxo Moledo, a votar en contra da aprobación inicial do inventario, ao entender que “as fichas do inventario parécenme bastante pobres, hai terreos mal postos, hai cousas das que o Concello ten o usufructo e non a propiedade…”.

Un punto no que Teresa Villaverde volveu insistir en que “por iso é importante que se fagan alegacións durante os dous próximos meses. O que estamos facendo agora é a aprobación inicial, un inventario de vías e edificios municipais que exporemos. Despois a veciñanza terá que facer as alegacións que estime oportunas e nós teremos que resolvelas”.

Neste sentido, Villaverde Pais remarcou en varias ocasións que “o Concello non ten interese ningún de apropiarse de ningún terreo ou propiedade. A nosa intención é boa e queremos que as cousas sexan o máis claras posible. Queda aínda moito traballo por facer pero este é un gran primeiro paso”. Así, puxo un exemplo: “se se pode facer unha actuación nun edificio de titularidade pública, primeiro temos que certificar que é propiedade do Concello porque hai moitas cesións feitas de hai moitos anos e que se fixeron de palabra, non están rexistradas en ningures. Agora é o momento de facer outra vez esa cesión ao Concello ou devolvela a esa asociación, comunidade de montes, etc”.

Plan Económico Financeiro

Finalmente, o Pleno aprobou, cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención do BNG, o Plan Económico Financeiro para o período 2025-2026, unha obriga que ten que cumprir o Concello de Lousame ao non cumprir coa regra de gasto no exercicio 2024. “Cumprimos con todos os parámetros menos coa regra de gasto, que é o máis absurdo que hai xa que é como se as corporacións locais foramos menores de idade, que temos un remanente pero non nos deixan gastalo”, explicou Villaverde Pais, quen engadiu: “espero que algún día dende Europa ou dende o Goberno Central teñan a sensibilidade de cambialo”.