Saturday 10 de May de 2025

A área de Contratación xestionou o ano pasado unha cifra récord de expedientes e de orzamento, por riba dos 20 millóns de euros entre licitacións e adxudicacións


O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Contratación, Ramón Varela, veñen de presentar o balance da actividade desenvolvida o ano pasado pola área de Contratación, que bateu récords tanto en número de expedientes, 60 fronte aos 49 do exercicio anterior, coma de orzamento, máis de 20 millóns de euros. Esta cifra non inclúe os contratos menores nin os contratos plurianuais, polo que, en palabras de Ramón Varela, aínda son máis destacables “o gran traballo desenvolvido polo persoal da área de Contratación” e “a capacidade para traducir prioridades políticas en proxectos executados, un valor que, sen dúbida, define a acción do goberno municipal”.

No ano 2024 o Concello de Carballo realizou adxudicacións por valor de 10.217.733,82 euros. O groso corresponde a obras, con 7,8 millóns, e o resto repártese entre 1,7 millóns correspondentes a servizos varios (limpeza, mantemento, control de pragas, ciberseguridade, servizos sociais, TIC…) e os 632.000 euros de subministracións (vehículos, material deportivo, fogos artificiais, equipamentos…).

Neste gran paquete figuran adxudicacións procedentes de licitacións iniciadas no ano 2023, algunhas tan cuantiosas coma a travesía de Sísamo, con 2,2 millóns de euros; o campo de fútbol 8 e o cambio de céspede dos outros campos do complexo deportivo das Eiroas, por 753.446 euros; a apertura e pavimentación da vía desde a rotonda do polígono de Bértoa ata a estrada de Razo, por 541.218 euros, e que se atopa na última fase de execución; a urbanización de rúas en Arnados (Razo), por 358.153; a rede de abastecemento de auga a Entrecruces, por 619.723 euros; a pavimentación do núcleo rural do Vilar do Carballo (Oza), por 207.830 euros, entre outras.

Pero tamén se adxudicaron contratos por valor de 3,6 millóns de euros correspondentes a licitacións realizadas no mesmo 2024. Plataformas independentes como Gobierto elevan a cifra de adxudicacións realizadas polo Concello de Carballo por riba dos 12 millóns de euros, dado que tamén inclúen contratos menores e outros.

Polo que respecta ás licitacións, os expedientes iniciados no ano 2024 suman 12.443.978,53 euros, 1,4 millóns máis que no 2023. Un dos máis cuantiosos é o correspondente aos tres novos parques infantís do Rego da Balsa, a Praza do Outeiro e O Chorís, por 1,5 millóns de euros, que se licitou no 2024 e vén de ser adxudicado neste mesmo mes de maio de 2025.
Neste sentido, o concelleiro Ramón Varela apuntou que “o ciclo orzamentario real dun investimento público non remata nun só exercicio, senón que adoita estenderse ao longo de varios anos, desde a definición da prioridade política, pasando pola súa dotación orzamentaria, até a tramitación administrativa e a execución contractual efectiva”. Destacou, así mesmo, que xunto á incorporación de créditos adicionais a través de suplementos ou créditos extraordinarios -o que coloquialmente coñecemos como “incorporación de remanentes”-, que o ano pasado acadaron os 5.178.319,13 euros, o Concello de Carballo fixo un importante esforzo “por manter a capacidade investidora”.

O alcalde tamén quixo poñer en valor o traballo do departamento de Contratación. “Hai poucos concellos do tamaño do noso que manexen estas cifras”, asegurou Evencio Ferrero.

Deja un comentario