
Subliña que, o ano pasado, o 84,6% da electricidade en Galicia procedeu de fontes renovables, cunha baixada da dependencia enerxética externa ata o 59,8%
Reclama ao Goberno central unha resposta decidida para reforzar a rede eléctrica actual e atender ás necesidades reais do tecido produtivo galego
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na cerimonia de entrega dos XI Premios da Industria e Enerxía de Galicia, un evento organizado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e a súa asociación profesional.
O titular do Goberno galego destacou o papel esencial do sector industrial e enerxético no futuro de Galicia, sinalando que ambas áreas forman un binomio inseparable que resulta clave para garantir o emprego estable, a innovación e a cohesión territorial. Rueda subliñou que a Comunidade non poderá avanzar sen un capital humano altamente cualificado e comprometido.
O presidente fixo balance dos avances rexistrados nos últimos anos no eido enerxético, resaltando que Galicia se sitúa como unha das Comunidades con maior peso das renovables no seu mix eléctrico. No ano 2024, o 84,6% da electricidade xerada no territorio procedeu de fontes renovables, e a dependencia enerxética externa baixou ata o 59,8%, mellorando os datos do ano anterior. Igualmente, Galicia mantén o liderado estatal en xeración de enerxía hidroeléctrica somos un referente na xeración da eólica e no aproveitamento da biomasa.
O xefe do Executivo autonómico advertiu, non obstante, sobre un dos principais retos que enfronta a industria galega: a limitada capacidade da rede eléctrica actual. Indicou que esta situación está a frear o crecemento de empresas e a paralizar investimentos que poderían xerar emprego e riqueza na rexión.
Neste senso, reclamou ao Goberno central unha resposta decidida que permita reforzar a rede, mellorar a evacuación de enerxía renovable e atender as necesidades do tecido produtivo galego. Insistiu en que se trata dunha decisión estratéxica que condiciona o futuro industrial da Comunidade.
O presidente reafirmou que a Xunta continuará impulsando o crecemento industrial sostible, con medidas como a Lei de Recursos Naturais de Galicia (aprobada o pasado mes de novembro), que busca garantir que os beneficios da actividade enerxética revertan no territorio. Tamén salientou o esforzo da Administración autonómica por avanzar na repotenciación eólica, o que permitirá substituír aeroxeradores antigos por tecnoloxía máis eficiente e con menor impacto ambiental.
Os gañadores desta edición inclúen premio á mellor actuación en Industria para Innolat; premio á mellor actuación en Enerxía para Greenalia, con accésit para CEAMSA; premio á innovación industrial a Repsol; premio á innovación enerxética a Másinteligencia; premio á sustentabilidade medioambiental na sociedade para ABIN; e premio á seguridade industrial para a Dirección Xeral de Emerxencia Interior e AXEGA.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.