Saturday 10 de May de 2025

O Programa Integrado de Emprego finaliza con éxito o curso de actividades básicas de loxística e almacén 


19 persoas participaron nesta acción formativa de 125 horas de duración.

Hoxe conclúe a formación en Actividades Básicas de Loxística en Almacén, un curso intensivo de 125 horas de duración desenvolvido no marco do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Laracha. Durante aproximadamente tres meses, 19 persoas participaron nesta acción formativa que representa o terceiro curso realizado dentro deste programa, deseñado para abordar as oportunidades laborais na Laracha e a súa área de influencia.

No marco da formación organizouse unha visita didáctica ao almacén de Carrefour do municipio de Coristanco co obxectivo de complementar os contidos teóricos impartidos na aula cunha experiencia práctica e directa no ámbito profesional.

Durante a visita, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento interno dun centro loxístico, observando os distintos procesos relacionados coa xestión de almacéns, recepción e expedición de mercadorías e control de stocks. A actividade resultou especialmente enriquecedora, xa que permitiu ao alumnado relacionar os conceptos aprendidos na formación coa súa aplicación real no día a día dunha empresa de grande distribución.
Para completar o proceso formativo e consolidar os coñecementos adquiridos, o alumnado terá a oportunidade de realizar prácticas non laborais en empresas.

O Concello da Laracha, co apoio da Xunta de Galicia e do Servizo Público de Emprego Estatal, continúa apostando polo desenvolvemento de políticas activas de emprego poñendo en marcha iniciativas dirixidas a mellorar a formación das persoas que se atopan en situación de desemprego coa finalidade de aumentar as súas opcións de inserción no mercado laboral.

Deja un comentario