
Xa hoxe, venres 9, abriuse o paso ao servizo de taxis e vehículos autorizados entre os Cantóns e a avenida da Marina
A alcaldesa, Inés Rey, informou de que as obras nos Cantóns avanzan agora pola beirarrúa que conecta Entrexardíns co Teatro Colón
Este venres reabriu ao tráfico a avenida da Marina, onde ao longo deste último mes se executou a renovación e mellora do pavimento no treito que vai desde a sede da Autoridade Portuaria ata a contorna do Teatro Rosalía de Castro.
Esta actuación, tal e como destacou hoxe a alcaldesa, Inés Rey, supón a culminación da primera fase das obras de remodelación dos Cantóns, unha ambiciosa intervención que conta cun orzamento de máis de sete millóns de euros e que, tras os traballos na avenida da Marina, continúa agora cara á contorna do Teatro Colón e Entrexardíns, xa sen cortes de tráfico previstos.
Neste sentido, hoxe ao mediodía xa se abriu o paso ao servizo de taxis e os vehículos autorizados entre os Cantóns e a Marina, o que supón, na práctica, á volta á normalidade en termos de circulación pola avenida, que segue a ser un espazo de preferencia peonil.
Tras os taxis e os vehículos autorizados, será a quenda dos autobuses urbanos. O servizo de transporte volverá mañá, sábado 10, á avenida da Marina. Desta forma, as liñas 1, 1-A, 2, 2-A, 3, 5, 7, 17, 23 e 23-A —que xa transitaban habitualmente pola avenida— volverán a facer o seu percorrido orixinal e deixarán a avenida do Porto, que foi o trazado provisional deste último mes mentres avanzaban as obras na Marina.
Rey, acompañada esta mañá polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou de que, polo momento, haberá catro paradas de autobús habilitadas entre o Obelisco e a Marina: dúas en sentido de ida cara ao Parrote (nos xardíns de Méndez Núñez, diante do Copacabana; e outra en Porta Real, cara á Dársena) e outras dúas en sentido de volta cara á praza de Ourense (Porta Real; e no Obelisco, xa no Cantón Grande). “Estamos a traballar na remodelación das paradas que hai a carón da calella da Estacada e diante da Autoridade Portuaria, por iso non están operativas actualmente. Unha vez que se complete a súa adaptación e mellora, volveremos a poñelas en servizo”, explicou Rey.
Nova fase de traballos entre o Teatro Colón e Entrexardíns
Esta mañá, Inés Rey tamén informou polo miúdo das próximas fases de obra nos Cantóns. Tras as actuacións na avenida de Marina, xa se está a traballar na beirarrúa que vai dende Entrexardíns ao Teatro Colón, onde se está a executar a nova rede para a recollida de pluviais. Ademais, nas vindeiras semanas tamén se acometerán as intervencións asociadas á renovación da rede de iluminación pública e os demais servizos municipais ao longo deste treito.
Xa a posteriori, serán visibles os traballos de pavimentación na rúa Ambrosio Feijóo, que seguirá pechada mentres se concretan as melloras de saneamento e pavimento que alí están previstas.
Un mapa dixital para consultar as incidencias de mobilidade
Co obxectivo de solucionar as dúbidas da cidadanía no contexto das obras dos Cantóns, o Concello habilitou un mapa dixital, adaptado a dispositivos móbiles, no que todas as persoas interesadas poderán consultar as incidencias de mobilidade segundo avance o plan de traballos nas súas diversas fases.
O mapa, xa aberto e visible na páxina web do Concello, indica, por exemplo, os espazos afectados polas obras e as afectacións ao servizo de transporte urbano.
Toda a información sobre as obras nos Cantóns pode consultarse en coruna.gal/cantons.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.