
O consistorio tamén iniciará a semana que vén o calendario de Andainas parroquiais e promoverá varias citas máis até o mes de setembro, a maioría delas relacionadas co mundo da bicicleta
San Sadurniño acollerá o domingo 1 de xuño a décima edición da carreira popular ”, unha cita xa clásica no calendario deportivo da comarca que cada ano reúne a centos de persoas amantes do atletismo e da natureza. A inscrición xa pode facerse desde hai varios días en emesports.es, onde figura o regulamento coas distintas categorías e percorridos: os máis pequenos e pequenas poderán participar de forma gratuíta en trazados que van dos 60 aos 900 metros, mentres que a carreira absoluta, de 4,9 quilómetros e cun prezo de 5€, repite o espectacular circuíto que bordeará a estrada de Ortigueira nun dos seus tramos. Por motivos organizativos, establécese de novo un tope máximo de 500 participantes. O último día para apuntarse é o 27 de maio. Por outra banda, quen queira dar un paseo polo municipio tamén pode participar nas Andainas parroquiais que comezan o venres que vén.
As categorías escolares —tanto masculina como feminina— competirán de balde (deberán inscribirse igualmente) compartindo un mesmo circuíto no centro do arboreto que unicamente variará o número de voltas: tres, con 900 metros en total, no caso de deportistas que nacesen entre 2009 e 2012 (categorías Sub 16 e Sub 14); dúas voltas -600 m- no caso de corredores e corredoras Sub 12 dos anos 2013 e 2014; e unha volta de 300 metros para as cativas e cativos Sub 10, dos anos 2015-2016.
Para a rapazada de Peques, nacida en 2017 e anos posteriores, organizarase unha proba adaptada cun tramo recto de 60 metros sobre o sendeiro principal, realizándose saídas en pequenos grupos segundo idades para garantir a seguridade.
En canto á carreira absoluta, o trazado levará ás persoas participantes polo paseo fluvial, a Bidueda -a recta de Metalfra-, cruzará de sur a norte Cornide e avanzará logo pola estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello. Alí comezará o tramo final, baixando polos xardíns municipais e pasando por diante do Mesón A Granxa antes de coller de novo o paseo fluvial con destino á meta.
Desde este ano, ao encadrarse a categoría Sub 16 na carreira escolar, a proba principal quedará para as e os atletas Sénior (nacemento de 1991 a 2009), Máster 1 (anos 1985 a 1990), Máster 2 (nacemento entre o 1975 e o 1984) e Máster 3 (persoas nacidas antes de 1965). A saída conxunta daráselles ás 11:30h e haberá un tempo máximo de 50 minutos para completar o percorrido. Ás 11:00h dará comezo a carreira para Sub 14 e Sub 16, e tras aproba absoluta, desde as 12:20h iranse desenvolvendo as probas restantes —Sub 12, Sub 10 e Peques— cun intervalo de 15 minutos entre elas. A entrega de premios está prevista para arredor das 13:30h.
Toda a información relativa ao evento está dispoñible na páxina emesports.es, onde tamén deberán facerse as inscricións. A data límite para anotarse é o luns 27 de maio ás 23:30h, e non se admitirán rexistros o propio día da carreira.
O Concello de San Sadurniño conta coa colaboración técnica da Federación Galega de Atletismo, ademais da axuda do club BTT Biela e Chaveta, que irá abrindo e pechando a práctica totalidade das carreiras. Ademais tamén bota unha man a clínica de fisioterapia Fisio che ben, de Bardaos, que instalará un punto para recuperar o tono muscular tralo intenso exercicio.
Tamén volven as Andainas polas parroquias
A Concellaría de Deportes ten moitas máis propostas para as próximas semanas, como é a Ruta ciclista en familia do 25 de maio ou a IV BTT Concello de San Sadurniño do 29 de xuño, á que se lle arrimarán o mesmo día o II Trail de Montaña e o I Cross Concello de San Sadurniño. O departamento tamén organizará o 8 de agosto a III Cronoescalada Sanrockeira e, como remate da temporada estival, a Ruta nocturna BTT prevista para o 19 de setembro.
Porén, antes de todo o anterior -do que iremos informando aos poucos- o Concello organiza outra cita clásica: as Andainas parroquiais, que consisten en dar unha volta por distintos puntos do territorio para descubrir a súa paisaxe e facer algo de exercicio.
As Andainas son itinerarios de baixa intensidade que se completan sen moito apuro en arredor dunha hora ou hora e cuarto, ao paso que marcan os grupos de ximnasia de mantemento de cada parroquia. Este ano hai programados tres paseos, todos eles con saída dos locais sociais ás 16:00h: o venres 16 de maio por Santa Mariña do Monte, o mércores 28 de maio por Naraío e o venres 20 de xuño por Lamas.
Para anotarse hai que contactar co técnico municipal de Deportes no 672 942 426.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.