
A programación estival municipal ofrecerá 6.116 prazas en oito modalidades de campamento, tanto urbanos coma con pernocta
As actividades desenvolveranse entre o 23 de xuño e o 9 de setembro en preto de 40 sedes diferentes, espalladas por toda a cidade
O Concello da Coruña vén de poñer en marcha a campaña municipal dos Campamentos de Verán 2025, unha iniciativa destinada a ofrecer durante os meses de verán unha programación ampla, diversa e inclusiva de lecer educativo para a infancia e a mocidade da cidade.
A campaña desenvolverase do 23 de xuño ao 9 de setembro, cubrindo así todo o período de vacacións escolares cun total de máis de 11 semanas de actividades continuadas. Este amplo abano de campamentos ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias coruñesas durante o verán, ao tempo que brinda ás crianzas espazos seguros para aprender, convivir e divertirse.
En total, ofértanse 6.116 prazas para nenos, nenas e adolescentes da cidade, distribuídas en oito modalidades de campamento. Haberá campamentos urbanos de día de carácter lúdico, deportivo e educativo dentro do propio concello, así como campamentos con estadías e pernocta fóra da cidade. As actividades desenvolveranse en preto de 40 sedes e instalacións municipais —centros cívicos, colexios e polideportivos, entre outros espazos— e inclúen como novidade a utilización da Estación de Montaña de Manzaneda (Ourense) para a modalidade de campamento con pernocta.
Os campamentos abranguen un amplo abano de temáticas, desde a promoción de hábitos de vida saudable e o consumo responsable ata o deporte e a vida activa, o contacto coa natureza e o coidado do medio ambiente, a creatividade artística e cultural ou mesmo a descuberta doutras culturas e da historia local. Así mesmo, en todos os campamentos promóvense de forma transversal valores como a convivencia, a igualdade, a inclusión e o desenvolvemento emocional.
Para garantir a participación inclusiva, a campaña reserva prazas para menores con necesidades educativas especiais, que contarán con monitores de apoio para atender ás súas necesidades específicas. As actividades están deseñadas para menores de entre 4 e 17 anos de idade, polo que poderán participar nenas e nenos nados entre os anos 2008 e 2021.
Modalidade | Horario base Horario ampliado |
Centros cívicos urbanos | 10.00-14.00 h Entrada 9.00 h / saída 14.30 h |
Campamentos no Ágora e Fórum
Campacoles |
10.00-14.00 h Entrada 8.30 ou 9.00 h / saída 14.30 h
10.00-14.00 h Madrugadores 8.30-10.00 h · Comedor 14.00-15.30 h |
Campamentos de día (co comida e transporte) | 10.00-18.00 h — |
Escola de Verán da OMIC | 09.00-14.00 h Entrada 07.50 h / saída 15.00 h |
Campamentos deportivos | 09.00-14.00 h Entrada 08.30 h / saída 14.30 h |
Campamentos de Xuventude | 09.00-14.00 h — |
Campamentos con pernocta | 24 h — |
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, salientou que “esta programación de campamentos de verán reflicte a nosa aposta decidida pola conciliación e pola inclusión. Queremos ofrecer ás familias recursos que lles permitan conciliar durante as vacacións escolares ao tempo que garantimos a participación de todos os nenos e nenas, independentemente das súas necesidades, nun verán de aprendizaxe e lecer de calidade”.
Rey lembrou que a organización dos campamentos de verán é froito do traballo conxunto entre as concellarías de Benestar Social, Participación e Igualdade, Educación, Deportes, Cultura, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos.
Calendario de inscricións
- Preinscrición: 13, 14 e 15 de maio
- Lista provisional de prazas: 23 de maio
- Reclamacións: 26 e 27 de maio
- Sorteo público: 29 de maio
- Lista definitiva de admitidos/as: 2 de xuño
- Formalización e pagamento: do 3 ao 6 de xuño
- Xestión de vacantes (lista de agarda): a partir do 10 de xuño
Toda a información, bases completas e formularios están dispoñibles en coruna.gal/campamentos2025 e no teléfono de atención 010.
O compromiso do Concello coa conciliación os 365 días do ano
O concello da Coruña mantén un compromiso permanente coa conciliación da vida laboral, familiar e persoal das familias coruñesas durante todo o ano. Entre os servizos estables salientan:
- Ludotecas municipais nos centros cívicos, con actividades socioeducativas que favorecen a conciliación.
- Programa municipal de canguraxe (“kanguros”), que ofrece coidado de menores tanto a domicilio como en espazos municipais, en franxas horarias de mañá, tarde e fin de semana adaptadas ás necesidades puntuais das familias.
- Programas específicos en períodos non lectivos, como o Recuncho do Xogo en Semana Santa e os campamentos urbanos de Nadal, que proporcionan alternativas educativas e de lecer nos descansos escolares.
Esta rede de recursos, reforzada no verán cos campamentos municipais agora presentados, garante que todas as familias dispoñan de alternativas flexibles e inclusivas que faciliten a conciliación ao longo dos doce meses do ano.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web municipal (www.coruna.gal) ou dirixirse aos centros cívicos da cidade