Friday 09 de May de 2025

O Pleno de Fene toma coñecemento da renuncia de Juventino Trigo tras 14 anos de servizo público, oito deles como alcalde


Desde hoxe, Sandra Permuy asume a alcaldía accidental, á espera do pleno de elección que se celebrará o 16 de maio ás 18.00h

Todos os grupos municipais agradeceron o traballo do xa exrexedor e desexáronlle sorte na nova etapa que inicia

O Concello de Fene celebrou esta mañá un pleno extraordinario para tomar coñecemento oficial da renuncia de Juventino Trigo como alcalde e concelleiro, formalizando así unha decisión anunciada hai unha semana. Desde hoxe, e até a celebración do pleno de elección da nova alcaldesa, Sandra Permuy, actual primeira tenente de alcalde, asumirá a alcaldía de forma accidental.

Na súa última intervención ante a corporación, Trigo despediuse con emoción tras 14 anos na política municipal, dos cales oito foron como alcalde e case seis desde a oposición. “Todos os cargos son temporais. Despois de catorce anos exercendo responsabilidades públicas, chegou a hora de dicir adeus, e dígoo agradecido e emocionado”, afirmou.

A decisión, sinalou, foi “moi meditada, tomada con responsabilidade e pensando sempre no mellor para o noso Concello e para a nosa veciñanza”. Trigo reivindicou a política municipal como “un proxecto colectivo, vivo e dinámico” no que “o relevo é necesario para seguir medrando, para incorporar novas ideas, novas enerxías e novas maneiras de facer”.

Durante a súa intervención, tivo palabras de agradecemento para a súa familia e compañeira, o equipo de goberno actual –Sandra, Polo, Ángeles, Justo, Cristina, Adán e Mari Carmen (de Esquerda Unida)–, así como para as compañeiras e compañeiros de outros mandatos, para o persoal municipal e “sobre todo, para todas as persoas de Fene que confiastes en nós. Sen vós, nada do que conseguimos sería posible”.

Tamén tivo palabras de recoñecemento para os grupos da oposición, agradecendo “a súa actitude e o seu traballo, que fixo que nos últimos anos o Concello tivera máis tranquilidade”. “Goberno e oposición compartimos un mesmo fin: mellorar a vida das veciñas e veciños de Fene, e con ese fin, o diálogo e os acordos son o xeito de avanzar”, subliñou.

Trigo rematou a súa intervención lembrando a importancia de seguir defendendo a lingua e a identidade do país: “Aproveitando que estamos no ano de Castelao, pedir a toda a corporación municipal que nunca esquezamos que ‘Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma’. Non deixemos nunca de defendelo”.

A alcaldía, en mans de Sandra Permuy

Desde este mesmo venres, Sandra Permuy asume a alcaldía de Fene en funcións. Concelleira de servizos, benestar social, igualdade, seguridade e persoal, será a encargada de pilotar o goberno municipal até a celebración do pleno de elección da nova alcaldesa, previsto para o vernes 16 de maio ás 18.00h.

No pleno desta mañá, tamén tomaron a palabra os portavoces dos grupos municipais: Sandra Permuy (BNG), Gumersindo Galego (PP), Joaquín Ayala (PSOE) e María Carmen Martínez (EU), quen agradeceron a Trigo o traballo realizado e lle desexaron sorte na nova etapa.

Deja un comentario