
Hoxe habilitouse o mapa dixital que indica as incidencias de mobilidade e as recomendacións en materia de tráfico e circulación no contexto da carreira. O mapa xa está aberto a consultas na páxina web do Concello
Só quedan dous días para a celebración da Baixada Popular de San Pedro de Visma, terceira data desta edición do circuíto de carreiras Coruña Corre, que volve ás rúas do barrio este domingo 11 cun percorrido de case 6,5 quilómetros, con subida pola estrada de Mazaído e paso polas sendas do parque de Bens.
A xornada comezará ás 10.00 horas coa saída das persoas participantes na proba absoluta. Xa ás 11.15 horas arrincarán motores as categorías inferiores, con saídas cada quince minutos desde a quenda de sub-18 ata os máis pequenos, que correrán a partir das 12.30 horas.
Máis de 1.200 persoas confirmaron a súa asistencia na carreira deste domingo. Neste sentido, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou hoxe que a recollida de dorsais estará habilitada tanto este sábado 10 (Centro Comercial de Catro Camiños, de 11.00 a 20.30 horas) como o domingo 11, propio día da carreira (Centro Cívico Municipal de San Pedro de Visma, a partir das 9.00 horas).
Servizo de duchas, gardarroupa e avituallamento
Na súa chegada a meta, as e os deportistas de todas as categorías recibirán auga e avituallamento sólido no stand que se ubicará entre as rúas San Pedro de Visma e Aguillón.
Como xa é habitual, o Concello tamén habilitará servizos de duchas e gardarroupa para as persoas que participan na carreira. Este domingo, a pista polideportiva de Labañou abrirá as súas portas de 10.30 a 13.00 horas ás e aos participantes para ducha e aseo. Ademais, o Centro Cívico Municipal de San Pedro de Visma contará cun gardarroupa de 9.30 a 11.15 horas.
Nota de Prensa
Proporcionaráselles auga e avituallamento sólido a todas as persoas participantes en cada unha das categorías no punto de avituallamento que estará situado nun lugar visible despois da meta
Un mapa web para informar das incidencias de mobilidade durante a carreira
Como vén sendo habitual desde o inicio desta tempada de Coruña Corre, o Concello habilitou un mapa web que informa do percorrido da carreira e tamén das incidencias de mobilidade previstas en San Pedro de Visma ao longo da mañá do domingo 11, no contexto da proba.
O mapa xa está aberto ás consultas, dispoñible nesta ligazón.
Vázquez animou ás e aos participantes a que, na medida do posible, aposten polo transporte público urbano e as novas formas de mobilidade sostible para desprazarse a San Pedro de Visma, “para evitar conxestións de tráfico, saturación de vehículos e dificultades de circulación no barrio, moi especial pola súa configuración urbanística”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.