Friday 09 de May de 2025

Unha ducia de persoas inician a súa formación para incorporarse ás cociñas colaborativas de “Transformando en Brión”, na Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña


A deputada provincial de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente e a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Brión visitaron ás instalacións, que contan con 260 persoas usuarias

A deputada provincial de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García López, e a concelleira de Promoción Económica e Emprego do Concello de Brión, Guarina Rey Vázquez, veñen de visitar o espazo colaborativo “Transformando en Brión”, pertencente á Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña. Unhas cociñas colaborativas nas que esta semana comezaron a formarse unha ducia de pequenos produtores e produtoras, que aprenderán as manexar estes equipos para poder así elaborar os seus produtos coas maiores garantías sanitarias e vendelos directamente a particulares, empresas, colexios…

Rosa Ana García López e Guarina Rey asistiron á primeira sesión formativa, impartida por Carme Freira, presidenta da asociación Daquí Darredor, entidade que coordina o uso do espazo colaborativo brionés. Unha primeira sesión nas que os futuros elaboradores coñeceron as instalacións e aprenderon as normas básicas do centro, sobre todo en canto a cuestións como hixiene, seguridade laboral e utilización de equipos.

A deputada provincial de Emprego destacou o “carácter pioneiro” do centro Transformando en Brión, “un modelo de éxito que está sendo replicado noutros puntos de Galicia e de España” e que permite a numerosos produtores locais aproveitar os excedentes das súa hortas para a produción de elaboracións de todo tipo: conservas, marmeladas, deshidratados, galletas, encurtidos… “Estas elaboracións requiren dunha formación previa e con ela queremos achegar as posibilidades que ofrece este centro a todos os produtores e produtoras que estean interesados”, sostivo Rosa Ana García.

Pola súa banda, Guarina Rey salientou que “este proxecto colaborativo non deixa de medrar: xa temos a 260 persoas autorizadas para o uso destas instalacións, ás que haberá que sumar estas doce máis. Pero é que temos xa lista de agarda, polo que sacaremos unha segunda convocatoria de formación no segundo semestre deste ano”.

Esta formación prolongarase ata o vindeiro 31 de maio e que inclúe tres cursos formativos dunhas 70 horas de duración: “Prevención de riscos laborais nas cociñas”, “Hixiene e manipulación de alimentos” e “Uso do equipamento das cociñas”. A maiores, o alumnado recibirá formación teórica e práctica sobre limpeza e desinfección das instalacións, e asistirán a sesións prácticas de cociñado de masas e vexetais. E para facilitar o envasado e venda dos seus produtos, aprenderán tamén a utilizar ferramentas informáticas, a demostrar a trazabilidade das súas elaboracións e coñecerán que documentación precisarán para comercializalas. Ademais, e para poñer en valor a iniciativa, o alumnado será consciente tamén dos custos que supón a utilización destas instalacións de Monte Balado, postas en marcha polo Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela.

Un modelo de éxito

O espazo colaborativo “Transformando en Brión” comezou o seu funcionamento en 2019 e desde entón a súa demanda non fixo máis que aumentar ata as 260 persoas usuarias actuais. A maioría delas pertencen ao municipio de Brión e municipios veciños, como Ames, Negreira ou Rois, pero tamén hai unha significativa presenza de produtores das comarcas de Santiago, Barbanza e Terra de Soneira, así como de lugares tan distantes como Ourense ou Vigo.

E é que este centro ten espertado tamén o interese de moitos pequenos municipios como amosan as recentes visitas de delegacións de Trabada, Ribeira de Piquín ou mesmo de fora de España, como do municipio caboverdiano do Tarrafal, todos eles interesados en coñecer esta experiencia como de boas prácticas a seguir para a comercialización de produtos do sector primario local.

Deja un comentario