Monday 30 de June de 2025

O Concello estreará en abril o ciclo ‘Falemos de saúde’, que afondará sobre varias doenzas e estará aberta a toda a veciñanza


As sesións celebraranse os días 23 e 28 de abril, e 21 e 26 de maio, todas ás 20:00 horas da tarde na Casa do Concello.

Estarán impartidas polas profesionais Alba Marcos, Sara Martínez, Noemi Vázquez e Nerea López.

O Concello de Paderne estreará en abril o ciclo ‘Falemos de saúde’, que afondará sobre varias doenzas e estará aberta a toda a veciñanza, sin necesidade de inscrición previa. As sesións celebraranse os días 23 e 28 de abril, e 21 e 26 de maio, ás 20:00 horas da tarde todas elas e na Casa do Concello.

Estarán impartidas por Alba Marcos, médica residente de segundo ano de Medicina Familiar e Comunitaria na Unidade Docente da Coruña; Sara Martínez, médica residente de terceiro ano de Medicina Familiar e Comunitaria na Unidade Docente da Coruña; Noemi Vázquez, médica residente de cuarto ano de Medicina Familiar e Comunitaria na Unidade Docente da Coruña e Nerea López, médica especialista en Medicina Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria da Coruña.

Así, a sesión do 23 de abril versará sobre a hipertensión, aprendendo mecanismos para coñecela e tamén para poder previla. A do 28 de abril tratará a diabetes, un trastorno crónico que afecta á forma na que o corpo transforma o azucre en enerxía. A do 21 de maio, sobre colesterol e tabaquismo e a derradeira, do 26 de maio, falarase sobre obesidade e alimentación saudable.

A intención do goberno local con este ciclo é achegar á veciñanza ferramentas e coñecementos para coñecer de preto os beneficios dun estilo de vida saudable, á vez que se ofrece información sobre a prevención de doenzas moi habituais, por desgraza, na nosa sociedade.