
A cita pode concertarse a partir deste luns, 21 de abril e a oficina estará en Miño os días 19 e 20 de maio.
Miño acollerá a estrea dun novo servizo de unidades móbiles para expedir ou renovar o DNI ou o pasaporte en apenas 10 minutos, do mesmo xeito que sucede en calquera comisaría. Esta iniciativa do Ministerio do Interior ten como obxectivo mellorar os servizos para unha gran masa de poboación residente no rural.
Cabe destacar que ata o de agora existían este tipo de unidades móbiles, pero tan só podíanse facer trámites relacionados co DNI e, ademais, era necesaria unha espera de tres días entre a entrega de datos e a recollida do documento.
Unha destas novas unidades estará na Rúa do Mercado de Miño o 19 e o 20 de maio en horario de 9:00 a 13:00 horas. As persoas interesadas poden reservar unha cita a partir deste luns, 21 de abril, xa sexa presencialmente no Concello ou a través do teléfono 981 782 006.
Ademais de pedir esta cita previa, as persoas interesadas deberán achegar para o DNI unha foto recente, un volante de empadroamento (en caso de ser unha renovación por cambio de domicilio) e 12 euros en efectivo (aínda que será gratuíto se se trata dunha renovación por cambio de domicilio ou filiación).
No caso de pasaporte deberá presentarse unha foto recente, o DNI en vigor, 30 euros en efectivo e a partida de nacemento (isto para menores, que terán que estar acompañados de ambos os proxenitores).