A exposición de orixinais poderá visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata finais de marzo
O Concello de Oroso vén de entregar os premios da sexta edición do concurso de fotografía “Muller traballadora”, que este ano recaeron nas orosás María Belén Cores Mosquera e Leticia Blanco Mosquera. Uns premios que foron entregados na noite do pasado venres durante un acto organizado polo Concello de Oroso co gallo da conmemoración do Día da Muller.
O acto estivo presidido pola concelleira da Muller, María del Carmen Liste, quen deu lectura ao Manifesto do Concello de Oroso “8 de marzo, Día Internacional da Muller”. Liste Raña indicou que “a pesares dos logros alcanzados, a igualdade non é de todo efectiva, aínda existen desequilibrios, tal como evidencian anualmente as estatísticas e os estudos sobre a ocupación laboral, a realidade salarial, as diversas formas de explotación e violencia, e as sobrecargas sociais e familiares que aínda hoxe lastran o desenvolvemento persoal e social das mulleres”.
Por iso indicou que “é preciso que sigamos traballando pola igualdade e a emancipación das mulleres, porque a democracia ten como piar a igualdade, a xustiza e a equidade. A Administración pública debe poñer en marcha políticas que xeren benestar social e a plena participación de todas as persoas no eido público e privado, fomentando que as mulleres acaden as cotas de desenvolvemento persoal e profesional desexado. O cambio é unha responsabilidade individual e colectiva”.
Premiados
O primeiro premio do VI Concurso de Fotografía “Muller traballadora”, certame aberto a todos os veciños e veciñas das comarcas de Ordes e de Santiago, recaeu en “Reflexo dunha dura vida nas mans”, de María Belén Cores Mosquera, que levou un premio de 300 euros. O segundo premio de 200 euros foi para “O traballo das mulleres en Nepal”, de Elvira Rodríguez Muíño; mentres que os 100 euros do terceiro premio recaeron en Javier Bouza Lamas, coa foto “Multifunción”.
Na categoría infantil, que se estrenaba este ano, a orosá Leticia Blanco Mosquera acaparou os dous primeiros premios coas súas obras “Nocellos” e “Garabato”, polas que levou un total de 160 euros en vales a trocar nun establecemento do Concello de Oroso. O terceiro premio foi para “A caixeira máis simpática”, de Lúa Bouza Silva, que levou un vale de 40 euros a trocar nun establecemento de Oroso.
Os premios foron entregados pola propia concelleira da Muller, así como polos concelleiros de Cultura, Luís Rey; Ensino, Beatriz Rodeiro; Turismo, Vanessa Boo; e Voluntariado, Antonio Leira. O acto rematou cunha aplaudida actuación do alumnado de Música e Movemento da Aula de Música do Concello de Oroso.