Friday 09 de May de 2025

A mocidade protagoniza un novo encontro sobre o autobús urbano no Espazo Xuvenil do Remanso


O encontro centrouse nas necesidades e propostas do colectivo menor de 25 anos, que supón máis de 3 millóns de viaxes ao ano no transporte público

O Espazo Xuvenil do Remanso acolleu este xoves un encontro participativo específico para a mocidade no marco do proceso de redefinición da rede de autobuses urbanos da Coruña, impulsado polo Goberno de Inés Rey. O encontro contou coa participación de mozas e mozos menores de 25 anos, un colectivo clave para o sistema de transporte público.

A alcaldesa Inés Rey, acompañada polo equipo técnico e membros do Goberno local, destacou a relevancia deste encontro: “Queremos escoitar á mocidade porque representa non só o presente do transporte público, senón tamén o seu futuro. A súa experiencia e ideas son fundamentais para deseñar unha rede útil, accesible e sostible”. Xunto á rexedora, estiveron as concelleiras Noemí Díaz, José Manuel Lage, Nereida Canosa, Yoya Neira e Francisco Díaz Gallego.
Este encontro marca o ecuador do proceso participativo, que continuará nas próximas semanas con sesións nos barrios do Birloque, Os Rosales, Eirís, Elviña e no Circo de Artesáns.

Segundo os últimos datos de mobilidade, este segmento realiza máis de 3 millóns de viaxes ao ano, cun uso intensivo das principais liñas que conectan os centros educativos e universitarios, así como os barrios residenciais. As liñas máis empregadas pola mocidade inclúen a que conecta Praza de Pontevedra con Elviña e a UDC (757.235 viaxes anuais), seguida da liña 14 entre Os Rosales e Castrillón (358.697) e a liña 11 que une As Lagoas e A. C. Marineda (216.021). Entre as paradas máis utilizadas pola mocidade destacan Campus de Elviña, Praza de Pontevedra, San Pedro de Mezonzo e Campus Zapateira, entre outras.

Durante o encontro desenvolveuse unha dinámica participativa centrada nas necesidades específicas da mocidade, que puido achegar propostas sobre melloras en frecuencias, conectividade con centros educativos, accesibilidade e adaptación a actividades culturais e deportivas. A importancia das conexións co campus universitario e coas zonas de ocio e emprego emerxeu como prioridade, así como a demanda de máis servizos en horario nocturno e fins de semana.

Peticións e suxerencias

A enquisa realizada durante o encontro permitiu identificar cales son os aspectos máis valorados —e tamén os máis criticados— polos usuarios e usuarias do transporte urbano da Coruña. Practicamente o 35% das persoas que asistiron eran do distrito 7 e un 77% fixérono a título persoal.
Así mesmo, o 40% das persoas viñeron andando xunto con outro 40% que se achegou a pé. A maioría das persoas din utilizar o autobus, prioritariamente para traballar e estudar xunto con ocio. Con todo, a franxa máis utilizada pola mocidade foi pola tarde (de 14.00 a 20.00 horas) e na súa maioría dixeron non utilizar habitualmente o bus nocturno. Un 30% dixeron considerar que as frecuencias son insuficientes e o 26% que as liñas e paradas non coinciden cunha ruta adecuada.

Como nos anteriores encontros, os prezos foron o elemento mellor valorado, cunha media de 6,8 puntos e case todas os aspectos foron puntuados por enriba de 5, a excepción das frecuencias (4,5) e a intermodalidade (4,6).

Neste sentido, os mozos e mozas identificaron como ámbitos prioritarios de mellora a puntualidade e as frecuencias (31%) xunto coa adaptación a eventos masivos (21%). A intermodalidade (11%) e a sustentabilidade (10%) foron as seguintes cuestións sinaladas a mellorar.

Próximos encontros

Os encontros continuarán a finais de mes no Centro Cívico do Birloque.
O calendario previsto é este:
20 de maio: Centro Cívico do Birloque
29 de maio: Centro Cívico dos Rosales
5 de xuño: Fórum Metropolitano
10 de xuño: Centro Cívico de Eirís
12 de xuño: Centro Cívico de Elviña
14 de xuño: Circo de Artesáns

As persoas interesadas en participar nalgún ou nalgúns dos Encontros de Barrio programados ata mediados de xuño xa poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón. Ademais, toda a información sobre o proceso participativo estará dispoñible nesta web específica.

Deja un comentario