Friday 09 de May de 2025

“Chopo Saleiro” un novo evento gastronómico en Ribeira 


No día de hoxe presentouse esta nova cita gastronómica artellada pola asociación de hostalería Rúa do Sal que se celebrará o sábado 24 de maio na que se porá en valor o chopo como produto local. Veciños, veciñas e visitantes poderán degustar o cefalópodo de diferentes formas e a maiores solidarizarse cunha boa causa. 

Á presentación acudiron entre outros, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, a tesoureira da asociación rúa do Sal, Lucía Lampón, o director de Xestión Nova Lonxa de Ribeira, Fernando Carreira, a secretaria da Confraría de Pescadores de San Pedro de Ribeira, Ana Belén. 

A concelleira de Cultura deu a benvida a esta nova cita gastronómica e resaltou a iniciativada asociación na que o concello colaborará coa amplificación do son, a publicidade e tamén coa achega do grupo de gaitas e pandeireiras -Airiños da Guía-, que amenizará a xornada. Alberte rematou salientando que “é unha primeira arrancada desta festa e desexamos que se consolide, que saia ben para poder facela os vindeiros anos”. 

Lucía Lampón, tesoureira da asociación e propietaria dun local da rúa do Sal informou que a tapa terá un custo de 5 euros e haberá tres tipos de preparacións, “arroz negro con chopo, empanada de chopo e o chopo guisado”. Os asistentes poderán desgustar a maiores a tapa de cortesía da casa que sempre é de balde. Lampón tamén quixo informar sobre o carácter social da iniciativa, o prezo da tapa, “unha parte do mesmo irá ás asociacións de animais, Callejeros Barbanza e Safe a Angel”, tamén indicou que se doará o excedente para a Residencia do Maior de Ribeira. 

Para finalizar a asociación agradeceu a implicación da Lonxa de Ribeira, Confraría de San Pedro, Peixes e Mariscos Bomar e o Concello de Ribeira.

Deja un comentario