
O Concello de Brión abre a súa programación especial do Mes das Letras Galegas cunha dobre actividade para homenaxear ás cantareiras e á poesía oral no municipio. Dúas actividades gratuítas e de acceso libre coas que pretende celebrar o Día das Letras Galegas de 2025.
A primeira delas será unha nova edición do ciclo “Brión, unha historia que contar”, que terá lugar mañá venres 9 de maio, ás 20:00 horas, na carballeira de Santa Minia. Un faladoiro sobre folclore e tradición oral moderado pola brionesa Minia del Río Arca e introducido pola concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e o xestor cultural de Brión, Alberto Álvarez.
No faladoiro tomarán parte o veciño e divulgador Luciano Pena Andrade, quen falará dos cantares e a tradición en Brión; Ana Fernández, directora da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Brión, quen tratará sobre a transmisión cultural no eido musical tradicional contemporáneo; a investigadora Natividad Rei, quen disertará sobre a poesía popular oral como patrimonio inmaterial; e o cantautor Manoele de Felisa, quen tratará sobre 25 anos de música e poesía. O acto rematará cunha foliada dirixida por Manoele e á que poderán sumarse todas as persoas que o desexen.
E o sábado 10 de maio, ás 12:00 horas, o adro da igrexa dos Ánxeles acollerá unha homenaxe ás nosas cantareiras organizado pola Escola Municipal de Pandeireta. A xornada será presentada polo alcalde brionés, Pablo Lago, e incluirá música tradicional e pandeiretas para poñer en valor o papel das cantareiras no municipio.
Mes das letras
A programación especial do Mes das Letras continuará o próximo venres 16 de maio, coa entrega do VII Premio Laudamuco para textos teatrais aos escritores Julio Fernández e Alberto de Casso. Será ás 20:00 horas na sala municipal de exposicións. A asistencia é gratuíta, se ben é preciso confirmar asistencia antes do 13 de maio no 981 50 99 08 ou persoalmente na Casa da Cultura.
Por último, a Escola Municipal de Música Magariños organiza a terceira edición do seu ciclo “Brión en Microconcertos”, que terán lugar nas instalacións da propia escola todas as tardes entre o 19 e o 23 de maio, con actuacións do alumnado ás 18:00 ou ás 19:30 horas. A participación é libre e de balde.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.