
Na reunión a representante do Goberno autonómico repasou algunhas das actuacións que se levaron a cabo no Concello co apoio da Xunta e novos proxectos para mellorar a calidade de vida dos veciños
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo un encontro de traballo co portavoz do PP de Corcubión, José Domínguez Buituron. Na reunión abordaron asuntos de interese para os seus veciños. Concretamente o representante municipal trasladoulle a necesidade de levar a cabo a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica no lugar de Amarela, unha actuación que suporía un importante beneficio tanto para os veciños das parroquias da zona como para os peregrinos que realizan o Camiño de Fisterra.
Na reunión a representante do Goberno autonómico repasou algunhas das actuacións que se levaron a cabo no Concello co apoio da Xunta. Concretamente, referiuse aos máis de 113.000 euros de Turismo de Galicia para o embelecemento da conexión peonil de Santa Isabel con Muiño do Vento, para a rehabilitación da Capela do Pilar e para a mellora da accesibilidade do campo de San Antonio, recentemente visitados. Ademais, a delegada tamén informou que este Concello recibiu, este ano, outros 30.000 euros, para levar a cabo a humanización dos espazos interior e adxacentes do casco histórico de Corcubión.
Belén do Campo tamén destacou que través do Plan Marco de Camiños Rurais a Xunta investiu neste municipio case 25.000 euros para a mellora dos seus viarios agrícolas. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén colaborou para a posta en funcionamento da Casa Museo dentro da Casa da Cultura.
Outras das intervencións, financiadas polo Goberno autonómico, foron as melloras da eficiencia enerxética no salón de acto da Casa da Cultura con máis de 82.000 euros da Dirección Xeral de Administración Local e outros investimentos das Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a colocación de paneis informativos, entre outros.
Belén do Campo referiuse tamén á demanda do alcalde de Corcubión de que a Xunta asuma a posta en marcha e o mantemento do Centro Día construido polo Concello. Neste senso, subliñou que a Xunta colabora estreitamente cos municipios para mellorar a atención e os recursos ao alcance das persoas en situación de dependencia. A delegada lembrou que ten que ser o concello de Corcubión, o que siga o exemplo doutros municipios que impulsan centros de día de titularidade municipal, cos que a Xunta colabora. Neste sentido, destacou que depende do alcalde poñer en servizo estas instalacións e que o Goberno galego colaboraría no seu funcionamento, como xa se realiza con outros centros de titularidade municipal, a través de axudas aos seus usuarios.
A delegada tamén abordou co portavoz a situación da atención aos dependentes. Neste senso, explicou o Plan de simplificación e axilización de dependencia e discapacidade permitiu acadar preto de 3.000 novos atendidos en abril, o que supón un récord histórico mensual desde que hai rexistros e puxo en valor as cifras de atendidos en Galicia, que hoxe acadan o seu máximo con máis de 79.600 persoas no sistema.
Para seguir axilizando os tempos e ampliando os servizos, Belén do Campo informou que ten que ser o Goberno central o que cumpra coa Lei de Dependencia e lembrou que ademais da débeda acumulada con Galicia, que supera os 2.500M€, o Goberno de Sánchez está a reducir ano a ano o financiamento en dependencia. De feito, no 2023º Goberno central achegou a un 40% (Galicia, un 60%), mentres que no 2024 limitouse a achegar un 34,9% (a comunidade galega, un 65,1) moi inferior ao 50% que lle corresponde.
A delegada destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.