Friday 09 de May de 2025

O Concello inicia a reforma do peveteiro conmemorativo de María Pita, que incluirá unha nova patena gravada 


Levará gravada a estrofa III do poema ‘María das batallas’, un verso de Xesús Lorenzo Varela escrito no 1944 

A actuación está supervisada polo forxador Telmo Cao, con obras nas casas modernistas de La Garriga ou na Sagrada Familia de Barcelona 

O Concello da Coruña vén de iniciar unha intervención integral sobre o peveteiro conmemorativo do Monumento a María Pita, sito na praza homónima. Trátase dunha actuación que responde ao compromiso do Goberno de Inés Rey coa conservación do patrimonio da cidade e a súa posta en valor como símbolo colectivo da memoria e da identidade coruñesa 

O elemento central da reforma consiste na instalación dunha nova patena de bronce conmemorativa, única e orixinal, deseñada para permitir o uso cerimonial do peveteiro. Esta será sobre o queimador existente e incorporarase cun sistema de ancoraxe e fixación especialmente deseñado para garantir a súa estabilidade e durabilidade. “Contará cun elemento metálico protector a modo de base que permitirá realizar actos cerimoniais con lume controlado” sinalou a alcaldesa, Inés Rey. 

Ademais, a reforma do peveteiro supón a súa adaptación aos estándares medioambientais mediante a anulación da antiga instalación de gas, un paso que permite eliminar riscos e garantir un espazo máis seguro e sostible, así como a restauración do basamento pétreo orixinal que será sometido a labores de mantemento e conservación especializada. 

A intervención será realizada polo recoñecido forxador Telmo Cao, artesán con ampla traxectoria e prestixio no ámbito da fundición artística e a metalistería tradicional, que desenvolve o seu traballo en diferentes puntos de España. Destacan entre as súas intervencións a restauración de elementos patrimoniais en palacetes e predios privados de Menorca, nas casas modernistas de La Garriga ou mesmo na propia Basílica da Sagrada Familia, en Barcelona.

Nota de Prensa 

A nova patena, unha peza única deseñada en honra a María Pita 

Un dos aspectos máis destacados desta intervención é a incorporación gravada na patena da estrofa III do poema “María das batallas”, escrito polo autor galego Xesús Lorenzo Varela no ano 1944, que di: “Muller da soberana liberdade/os artilleiros danche alferecía/e faite o mar patrona da cidade./Din as miñas campanas, escoitade,/de monte a monte e mais de ría a ría:/O bronce meu, teu bronce foi María”. 

“Trátase dun verso cargado de significado, unha declaración poética que recoñece á nosa heroína María Pita como emblema da cidade e da loita pola liberdade”, sinalou a alcaldesa. Así mesmo, Rey agradeceulle á familia do poeta a autorización expresa para a reprodución dos versos, respectando a protección patrimonial vixente da obra. 

Ademais, a peza de bronce levará incorporado o escudo de armas da cidade procedente da antiga Porta da Torre de Arriba nas murallas do Frente de Terra, considerado o símbolo heráldico máis antigo conservado da Coruña e que remite ás orixes defensivas da cidade e ao seu papel histórico. “A memoria dunha cidade constrúese desde o coidado dos seus símbolos e desde o respecto á súa historia e iso é o que representa esta actuación”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey, quen engadiu que “María Pita é moito máis que unha figura do pasado; é un símbolo de orgullo e identidade que temos a obriga de conservar e poñer en valor para as xeracións futuras”.

Deja un comentario