Friday 09 de May de 2025

Xisco Feijoó convida a levar “ferrallada” á Praza Ramón Díaz Raña para armar unha foliada na véspera do Día das Letras Galegas


A programación do 17 de maio en San Sadurniño tamén inclúe cine e escénicas para a rapazada

 

A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras, mulleres que representaron un papel esencial na transmisión e conservación da poesía oral tradicional galega. Para celebrar esta edición tan especial das Letras, San Sadurniño preparou propostas para a rapazada do CPI e da EIM A Rolada, ademais de organizar o día 16 pola tarde unha foliada coas escolas de música e baile tradicional á que tamén convidaron ao cantador e beilador Xisco Feijoó, na actualidade un dos representantes máis destacados da oralidade musical galega. Desde o Concello tamén se convida á veciñanza a participar na grande manifestación pola lingua que percorrerá o día 17 de maio as rúas de Compostela, promovida pola plataforma Queremos Galego!.

A homenaxe da RAG céntrase este ano en sete cantareiras destacadas, todas elas xa falecidas (as Letras nunca se lle adican a persoeiros vivos): Adolfina e Rosa Casás Rama (de Cerceda), Eva Castiñeira (de Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, Manuela Lema Villar e Teresa García Prieto, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños).

Estas mulleres, foron gardadoras dunha rica tradición oral que se mantivo viva ao longo do tempo e da que elas incluso deixaron constancia. As Pandeireteiras de Mens -ou Vellas de Mens, como tamén eran coñecidas- actuaron nunha chea de países coa agrupación coruñesa Aturuxo, igual que Eva Castiñeira, convidada en varias ocasións ao escenario por Milladoiro. Adolfina e Rosa formaron parte da recollida etnomusical realizada pola investigadora Dorothé Schubart, autora canda Antón Santamaría da grande obra “Cancioneiro Popular Galego”, de obrigada lectura e escoita en calquera momento, e máis agora con motivo da dedicatoria das Letras ás cantareiras.

O seu labor foi fundamental para a preservación da lingua e cultura galegas, especialmente nun tempo no que a transmisión dese patrimonio inmaterial dependía case exclusivamente da oralidade. A RAG escolleu homenaxealas como reivindicación do seu grande valor e como maneira de subliñar a relevancia da poesía popular oral na construción da identidade galega, que aínda hoxe prosegue por medio de agrupacións e artistas, como é o caso de Xisco Feijoó.

Partindo de sonoridades e cantigas tradicionais, o cantante e recuperador da cultura oral galega propón o espectáculo “Traede Ferrallada”, que se desenvolverá o venres 16 de maio a partir das 18:30h na Praza Ramón Díaz Raña (na Casa da Cultura, se chove).

“Traede Ferrallada” forma parte dunha xeira de recitais e foliadas que está levando por todo o país as nosas músicas, xunto coa explicación dos espazos e ocasións en que xurdiron como manifestación festiva ou fórmula para facer máis levadeiros os traballos. Trátase dun espectáculo participativo que lembra e actualiza a música tradicional cantada e que, ademais, se intercalará coas actuacións das escolas municipais de gaita, percusión, pandeireta e baile.

Como foliada que é en esencia, tamén se pide que o público se implique levando instrumentos ou ferrallada para botar unhas pezas.

A Biblioteca Municipal tamén celebra as Letras
Sobra dicir que a Biblioteca Municipal de San Sadurniño tamén ten preparadas para os próximos días varias propostas culturais arredor das Letras Galegas, moi enfocadas no público máis pequeno.

O programa comeza o luns 12 de maio ás 10:30h na Casa da Cultura, ofrecéndolle ao alumnado de Educación Infantil do CPI e ao da EIM A Rolada o espectáculo “Nano vai á escola”, de Raquel Queizás. A peza conta a historia de Nano, unha rá que empeza a escola, unha nova e grande aventura que vivirá en galego. A obra chega a San Sadurniño gracias á Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A seguinte cita das Letras, nesta ocasión coa colaboración do programa Ler Conta Moito, será o venres 23 tamén ás 10:30h. A Xanela do Maxín ofreceralle á rapazada de Educación Primaria “Desde Rosalía ata as Cantareiras”, un espectáculo multidisciplinar de pequeno formato que combina narración oral, música, obxectos e tecnoloxía para enxalzar a herdanza das mulleres homenaxeadas polas

Ese mesmo día, o venres 23 de maio, proxectarase na Casa da Cultura ás 18:30h con entrada libre o filme “O Apóstolo”. Dirixida por Fernando Cortizo -quen participou na última edición do Chanfaina lab-, a cinta cóntanos a historia dun convicto fuxido de prisión que chega a unha pequena aldea, onde tentará recuperar un botín escondido. Xente estraña, almas en pena e mesmo o alcipreste de Compostela tentarán impedirllo. A película, unha auténtica obra mestra da animación stop-motion, conta coas voces de Carlos Blanco e Luis Tosar, entre outros.

Grande foliada de Queremos Galego! en Santiago o día 17
O Concello de San Sadurniño, que forma parte da plataforma Queremos Galego!, non programou nada para o propio día 17 de maio por ser nesa xornada cando está convocada a segunda grande manifestación pola lingua no que levamos de ano (a anterior foi co gallo do Día de Rosalía).

A mobilización comezará ás 12:00h na Alameda de Santiago de Compostela e percorrerá as principais rúas do casco histórico, antes de rematar na Praza do Obradoiro cunha grande foliada pola lingua. Beiladoras e beiladores, cantareiras e cantareiros, gaiteiras e gaiteiros, pandereteiras e pandereteiros, percusionistas, acordeonistas… a todas e todos lánzaselles o convite para que se sumen á homenaxe colectiva as cantareiras e pandeireteiras que aseguraron a pervivencia da nosa tradición musical cantada.

Para coordinar mellor o espazo e o repertorio que se vai tocar é necesario que as persoas que teñan intención de participar na foliada se apunten a través deste formulario dispoñible na web de Queremos Galego!.

Deja un comentario