Friday 09 de May de 2025

O Concello de Fene inicia as obras de mellora dos camiños nos Cadavás e nos accesos ás praias de Coído e Río Sandeo


As actuacións permitirán renovar o firme, crear unha nova senda peonil e mellorar a evacuación de augas pluviais

Ambas actuacións, financiadas con cargo ao POS+ 2024 da Deputación da Coruña, contan cun investimento total de máis de 100.000 euros.

O concelleiro de obras, Manuel Polo, visitou as zonas onde decorrerán as actuacións, acompañado do alcalde, Juventino Trigo, e a concelleira Sandra Permuy

O Concello de Fene vén de anunciar o inicio de dúas obras de mellora viaria que darán resposta a importantes necesidades da veciñanza en Magalofes e Limodre. Trátase da mellora do camiño municipal que conecta Os Cadavás coa pista deportiva de Magalofes, e do camiño que dá acceso ás praias de Río Sandeo e Coído (Rachabordos), unha zona que rexistra un elevado tránsito nos meses de verán.

Na primeira das actuacións, a intervención contempla a pavimentación do firme cunha nova capa de 5 cm de espesor, a limpeza das marxes ao longo do percorrido e o pintado da sinalización horizontal correspondente. Esta actuación foi adxudicada por un importe de 35.801,65 euros e conta cun prazo de execución de tres meses.

No caso do camiño de Almieiras a Rio Sandeo, que dá acceso ás praias, executarase unha nova capa de rodaxe sobre unha superficie de 3.654 metros cadrados, ademais da sinalización horizontal e vertical, e a limpeza dos bordos. A actuación contempla tamén a creación dunha senda peonil na contorna dun aparcadoiro público e dun acceso peonil existente, co obxectivo de garantir unha circulación segura e fluída para viandantes. Por outra banda, disporase unha nova canalización de formigón para encauzar as augas pluviais, que se evacuarán mediante un novo colector. Esta obra foi adxudicada por 68.760,44 euros e tamén ten un prazo de execución de tres meses.

O concelleiro de Obras, Manuel Polo, desprazouse esta mañá á zona para supervisar o inicio das intervencións, acompañado do alcalde, Juventino Trigo, e da concelleira Sandra Permuy. Durante a visita, destacaron a importancia destas obras para a mellora da mobilidade e da seguridade viaria en puntos clave do municipio.

“Falamos de obras moi necesarias, que van mellorar tanto a circulación como a seguridade peonil, e que responden ao compromiso do goberno local coa mellora continua das infraestruturas municipais”, declarou Polo. “A creación dunha senda no acceso á praia é especialmente importante, porque reforza a seguridade viaria nun punto moi concorrido no verán”, engadiu.

As dúas actuacións están financiadas con cargo ao Plan Único de Concellos POS+ 2024 da Deputación da Coruña, programa no que tamén se incluíu a obra de mellora de pavimentos e da rede de pluviais en Buios, cun orzamento próximo aos 180.000 euros. Con elas, o Concello de Fene continúa avanzando na renovación da súa rede viaria, combinando melloras estruturais co deseño de espazos máis seguros e accesibles para a veciñanza.

Deja un comentario