Friday 22 de November de 2024

Sesenta nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos realizan unha homenaxe a Rosalía de Castro na Igrexa de Bastavales


Prantaron unha roseira no adro, leron poemas da escritora e participaron nunha andaina dende o monte Rubial ata a igrexa
Un total de sesenta nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos participaron nunha homenaxe a Rosalía de Castro, organizada polo centro escolar en colaboración co Concello de Brión para homenaxear á ilustre poetisa e para culminar os actos co gallo da conmemoración do Día da Muller. Os rapaces e rapazas participaron nunha andaina de algo máis de cinco quilómetros entre o cumio do monte Rubial e a Igrexa de Bastavales, onde prantaron unha roseira, deron lectura a poemas de Rosalía e aproveitaron para coñecer algo máis tanto da escritora como da propia igrexa.

Os rapaces, de doce anos de idade, estiveron acompañados polos seus mestres e por técnicos do Concello de Brión, así como polo párroco de Bastavales, Alejandro Moscoso, e Luciano Pena, veciño de Ons, que lles explicaron algunhas curiosidades tanto da igrexa como da vida de Rosalía de Castro. Ademais, fixeron resonar as famosas campás recollidas pola poetisa no seu famoso poema.

Luciano Pena contoulles detalles como que “as campás de Bastavales que escoitaba Rosalía non son as que hai agora, pois romperon e houbo que cambialas” ou que “Rosalía recolleu un estribillo popular para facer o seu famoso poema”, que os pequenos recitaron como punto e final á actividade. Dende o adro de Bastavales, os rapaces puideron divisar a vivenda de Rosalía, a dos seus familiares en Brión e tamén unha vivenda na que din que residiu un tempo, aínda que non está totalmente documentado.